Cerqueda quere Campo da Festa e non Parque Recreativo


Este luns, os colectivos da parroquia de Cerqueda entregaron no rexistro do Concello de Malpica de Bergantiños cerca 300 sinaturas de persoas que están disconformes que o goberno municipal constrúa o tan rexeitado Parque Recreativo e Deportivo en vez de crear o tan necesario Campo da Festa e de dispoñer dun espazo de aparcadoiro para os fregueses que acoden ós oficios relixiosos. Así o teñen xa repetido en innumerables ocasións.
A presente é unha primeira entrega dado que a campaña de recolleita de sinaturas proseguirá durante as vindeiras semanas. Días atrás, os colectivos tamén entregaron por rexistro unha alegación á totalidade do proxecto, posto que o alcalde de Malpica de Bergantiños respondera nun pleno que ó citado parque ninguén presentara ningunha alegación. Outra das respostas do pleno fora que tan só había unhas 20 persoas que se amosasen contrarias a esta área recreativa e deportiva. Mediante a entrega das sinaturas deste luns fáiselle ver ó alcalde que unha ampla porcentaxe de habitantes da parroquia de Cerqueda non queren que se ocupe un espazo tan útil e imprescindible para a celebración das festas e área de aparcadoiro.
Anótase para novos panteóns no cemiterio
Por outra banda, esta semana a Asociación de Veciños Monte d’Arxa, en colaboración coas catequistas da parroquia e outros voluntarios, abriu un período de inscrición de un mes para todas aquelas persoas que estean interesadas en dispoñer dun panteón no cemiterio parroquial. Os interesados cómpre que se poñan en contacto con calquera compoñente da directiva da asociación veciñal, coas catequistas e mesmo se dispón dunha folla de inscrición en Supermercado Ordóñez de Aldeola.
Reunión con Eduardo Parga
Por último, comunicar que o candidato do Partido Popular á alcaldía de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, manterá este venres ás 10 da noite na Axencia de Lectura de Aldeola unha reunión coa directiva de Monte d’Arxa para tomar nota das necesidades que se lle poidan presentar desde o colectivo e que supoñan unha mellora para o benestar dos veciños. Monte d’Arxa informa que o ‘popular’ non irá coas mans baleiras xa que teñen previsto presentarlle un amplo catálogo de melloras para a parroquia.
Novas relacionadas
- Inagurado o novo Centro Social de Barizo ante as críticas do BNG malpicán pola “inauguritis”.
- Os veciños de Cerqueda fixeron chegar as súas ideas sobre o Campo da Festa.
- As forzas vivas de Cerqueda analizan o proxecto do Campo da Festa.
- O Alcalde de Malpica explicou as novidades sobre Parcelaria aos veciños da Monte d’Arxa.
Fonte
- Asociación de Veciños Monte d’Arxa.