Sábado. 04.05.2024
El tiempo

O Alcalde de Malpica explicou as novidades sobre Parcelaria aos veciños da Monte d’Arxa

O Alcalde de Malpica explicou as novidades sobre Parcelaria aos veciños da Monte d’Arxa
Na tarde-noite de pasado venres, 19 de novembro, o Alcalde de Malpica de Bergantiños, José Ramón Varela Rey, acompañado polo edil de Urbanismo, Rogelio Pereira, manitvo unha longa reunión na Axencia de Lectura de Aldeola cos membros da Asociación de Veciños Monte d’Arxa, que tanto solicitaran a cita. Na cita tratáronse dous puntos vinculados co eterno proceso da parcelaria de Cerqueda. O primeiro, versaba sobre os distintos aspectos tratados na reunión con técnicos da Consellería de Medio Rural. O segundo, atinxía a distintos usos ós que serán destinadas varias parcelas municipais.

Redución no orzamento para a parcelaria

No relativo á información da reunión na Coruña, Mónica López, enxeñeira responsable desta parcelaria, comunicoulle ó Alcalde o seguinte:
  • 1) Houbo redución no orzamento inicial para rematar a parcelaria.
  • 2) O estado do firme das pistas non se modificará e só irá cunha ‘subase’. Para ela, se a pista cumpre a función de dar acceso á propiedade xa era suficiente.
  • 3) A empresa executora das actuais obras non ten porque retirar os valados das parcelas, aínda que si pode proceder a derrubalos e amontoalos nunha parte da parcela para despois seren sacados nun tractor ou camión polo propietario.
  • 4) Nas parcelas, a empresa encárgase de nivelar ribazos ou arranxar pendentes.
  • 5) A empresa non elaborará ningunha entrada ás parcelas. Deben ser os propietarios os que teñen que crear o seu acceso. O que si, a empresa, se se lle levan os tubos, colócanos ou mesmo lle arriman material de estaren as máquinas traballando nesa zona. É dicir, realiza o adecentamento de entrada. Respecto do proceso de elaboración destas obras, o Alcalde comprometeuse a que, se unha vez finalizada as mesmas se observan hai deficiencias claras, sería o primeiro en que, coa axuda dos técnicos competentes, as estudaría e faría as reclamacións oportunas.

O Campo da Festa

Respecto da parcela coñecida como Campo da Festa, Varela Rey informou que xa se solucionara o problema dunha alegación presentada por un veciño. Agora, desde o Concello, estase á espera da documentación pertinente que lles permita dar comezo ás obras. O máximo edil agarda que a finais da semana que vén reciba algunha noticia sobre aspectos técnicos desa parcela. A directiva de Monte d’Arxa fíxolle saber que este espazo debería ter o máximo espazo posible para que, ademais de Campo da Festa, sirva como aparcadoiro durante os actos litúrxicos, entre outros usos. Monte d’Arxa tamén lle manifestou o seu desagrado ó Alcalde polo o proxecto de adecentamento esta parcela non se fixese público. Xa que é unha obra importante para a parroquia de Cerqueda, o normal sería que os colectivos desta parroquia, que van ser usuarios do mesmo, deberían ter a posibilidade de achegar a súa opinión sobre o mesmo. O Alcalde rexeitou amosar o proxecto e dixo que xa tiña máis de 50 opinións distintas sobre el. Non obstante, a Monte d’Arxa e outras asociacións da parroquia, futuras usuarias deste espazo, non se lle brindou opinar sobre as condicións que debería ter un espazo vital no que desenvolver moitas das súas actividades.

Formigón impreso nas Pozacas

O Alcalde escoitou as observacións sobre as obras de aplicación de formigón impreso na parte dianteira do Centro Sociocultural das Pozacas. A directiva de Monte d’Arxa comunicoulle que a obra non quedou con desnivel suficiente e, por iso, bótalle auga ó edificio. Para a asociación veciñal esta é unha deficiencia grave dado que xa con anterioridade o edifico padecía problemas de humidades. O edís responderon que non sabían como quedara a obra e que pasarían a vela en breve. Por outra banda, Monte d’Arxa tamén lle fixo saber que as soleiras das portas non quedaron ben rematadas dando a impresión de obra inacabada. Ademais, na parte esquerda do edificio, tras sacar unha zona axardinada, non se actuou nela e quedou convertida nunha área lamacenta.

Unha carballeira para As Pozacas

Respecto da parcela que o proceso de concentración deixou na parte traseira do Centro Sociocultural das Pozacas chegouse ó seguinte acordo entre o Concello e a asociación veciñal. Primeiro, en canto mellore o tempo, operarios do concello sacarán o vello muro de pedra que divide a parcela. Segundo, o Concello procederá á limpeza de vexetación da mesma. Terceiro, a partir do 15 de decembro os técnicos municipais elaborarán unha memoria para a creación dunha carballeira nesta finca. Cuarto, no tempo de primavera, procederase á plantación dunha carballeira. Con esta actuación, no ano 2011 vaise cumprir un dos proxectos da Asociación de Veciños Monte d’Arxa de creación dunha carballeira. Con esta iniciativa, que fundamentalmente posúe carácter simbólico, crearase un espazo que explique o significado do topónimo Cerqueda: lugar abundante en carballos cerquiños. Á parte do aspecto filolóxico, este espazo servirá para o desenvolvemento de actividades sociais ademais de ofrecerlle unha protección vexetal ó centro sociocultural dos ventos do nordés.

Fonte

  • Nota de prensa da A.VV. Monte d’Arxa.

Comentarios