Martes. 23.04.2024
El tiempo

#25N: A Corporación de Malpica sae á rúa

25N en Malpica
#25N: A Corporación de Malpica sae á rúa

O Concello de Malpica conmemorou este 25N o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cunha completa programación de actos. Arrancou coa lectura do manifesto institucional na Praza Anselmo Villar Amigo, momento no que se recordaron as 37 mulleres que foron asasinadas ás mans das súas parellas no que vai de ano, así como ás máis de mil que figuran dende o 2003. Tamén se levou a cabo un minuto de silencio.

Xa á tarde, celebrouse no Centro Comarcal de Buño un coloquio cunha referente a nivel estatal en materia de xénero e igualdade como é Ana Saavedra para profundar na sociedade e comprender por que se perpetúan estereotipos e roles e por que se lexitima a discriminación cara as mulleres.

Por último, cabe recordar que a casa consistorial iluminouse de morado en homenaxe ás persoas que se foron por este tipo de violencia, ás que o están sufrindo e ás que o superaron.

Manifesto do Concello de Malpica a prol da Eliminación da Violencia contra a Muller

Hoxe conmemórase esta triste realidade que, dende o Concello de Malpica, non podemos pasar por alto. E falamos de tristeza porque non pode ser que, en pleno século XXI, nunha sociedade avanzada, perduren as desigualdades entre homes e mulleres. Porque este é o principal motivo que leva á violencia de xénero. Dende o consistorio malpicán condenamos todo tipo de actos violentos sobre as mulleres, ben sexan físicos, sexuais ou psicolóxicos.

Se el che vixía o móbil, iso non é amor. Se che impón a forma de vestir, non te quere de verdade. Se che levanta a man unha vez, non dubides en que seguramente o fará máis veces. Non esperes, ármate de valor e denuncia. Nas canles oficiais atoparás a axuda necesaria. A concellaría de Igualdade de Malpica pode ser o primeiro paso.

Son xa 37 mulleres as asasinadas este ano ás mans das súas parellas, unha cifra que non se pode tolerar. Esta é unha lacra contra a que hai que loitar porque as microviolencias e, por desgraza, as vítimas, seguen existindo. O ano anterior foron 46; no 2019, 55; no 2018, 53; 50, no 2017... Dende o 2003 superan xa o millar. Sigamos ensinando en valores de igualdade para deixarlle un futuro mellor ás que veñen detrás.

Por todas as que se foron, por todas as que o superaron e por todas as que están no camiño, loitemos! Querémonos vivas e libres!

Máis novas

Comentarios