Unha Crónica polo Centro Cívico "Paco Souto"
Comezou a serie de actos de homenaxe a Paco Souto, que dan conta do legado que deixou este poeta-percebeiro ao longo da Costa da Morte. Comezou en Malpica, onde durante estes días completarase un fantástico programa de actividades chamado “Novas crónicas de Malpica".
O programa comezaba o pasado mércores coa inauguración da exposición "Vai no mar" no Centro Cívico malpicán. Un Centro que esperan que leve o nome de Paco Souto nun futuro cercano, como así llo pediu Paco de Tano, da Asociación Caldeirón. ao alcalde Eduardo Parga durante a presentación.
Son 15 artistas, amigos e amigas de Paco Souto, os que brindaron as súas obras para esta mostra pictórica, fotográfica e escultórica. E para abrila foron emotivas as palabras de Paco de Tano, do alcalde, pero sobre as da súa viúva, Emma Abella Cruz, que agradeceu a herdanza, en forma de cariño de centos de persoas, que lle deixou o seu finado home, enre eles, os membros da familia Caldeirón Abrahamn Vila, Peter Schneider ou Peter Kramer.
Para rematar a noite dos Defuntos, unha familiar sesión de Contos de Medo no Limún, nun acto "moi Paco Souto".
Crónicas poéticas
Xa o xoves tivo lugar un especial recital poético no Pub Limón, con Xaime Trillo, Mercedez Queixas Zas, Verónica Martínez, Xabier Maceiras, Paco Nonos, María José Pérez e a música de Maraxe. Ademais houbo varias presentacións audiovisuais co avance de #12Leiras, de Bocixa sobre os 50 anos de expropiacións de Sabón no que aparece Paco e súa nai Mucha; outra proxección do do Proxecto Barro e unha de Metamorfose.
Contos, Cea das Letras e Teatro
O programa continúa, este venres 3 de novembro, a Casa do Pescador acolle unha fermosa velada de contos do mar con Xosé Iglesias, Rivadulla Corcón e Xurxo Souto, culminada pola música da TraskiBand. O sábado 4 de novembro é o día grande, coa cita da Cea das Letras na Casa da Cultura de Seaia como prato forte. Antes, terá lugar unha presentaciçon e un concerto no Centro Cívico, así como a presentación do gañador do XI Certame de Poesía Erótica do ano pasado e o fallo do xurado deste ano. Pecha o amplo programa o domingo 5 de novembro en clave de teatro, coa adaptación dunha obra de Paco souto polos Quinquilláns, un pasarrúas e a obra Bicos con lingua, de Talía Teatro.
Homenaxe no Colón
A homenaxe completarase cunha cita a nivel provincial, coa gran gala que a Deputación promove no Teatro Colón da Coruña para o vindeiro domingo 11 de novembro.
Máis información
Novas relacionadas
- Outubro 17: 21 obras de poesía erótica para homenaxear a Paco Souto.
- Outubro 17: O mundo artístico recorda a Paco Souto nunha homenaxe que terá lugar no teatro Colón.
- Agosto 17: Unha balea lugrisiana en homenaxe a Paco Souto.
- Xuño 17: O mundo cultural de Bergantiños lembrou a Paco Souto.
- Maio 17: O XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas chega en homenaxe a Paco Souto.
- Miro Villar: Paco Souto. In Memoriam.
- Marzo 2017: Falece Paco Souto mentras mariscaba en Razo:
- 2016: Xavier Queipo, gañador do XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.