Martes. 23.04.2024
El tiempo

Cruce de declaracións entre PSOE e PP de Malpica

Cruce de declaracións entre PSOE e PP de Malpica
Eduardo Parga e Sergio Garcia Villar Eduardo Parga e Sergio García Villar Parece que as eleccións municipais do vindeiro maio de 2019 están cada vez máis preto. Por iso volvemos ler cruces de declaracións entre voceiros da oposicións en alcaldes. Desta volta, saía do silencio nestes últimos tempos o voceiro do PSOE de Malpica, Sergio García Villar, para denunciar ao goberno popular municipal pola súa falta de atención aos sectores estratéxicos do Concello, como son a pesca ou agro-gandería. Criticaba que xa non se ven carros con produtos agrícolas baixando ao mercado, ou que os mariñeiros da vila teñen que ir á Coruña. Ademais criticaba que na listaxe de Bandeiras Azuis deste ano non haia ningún areal malpicán. Non tardaba en respostar o PP local, que recordaba que a negociación coa Unión Europea que acaba co sector primario galego foi culpa do Partido Socialista. O alcalde, Eduardo Parga, lamenta que ao voceiro do PSdG “se lle vaia a forza pola boca”, e ínstao a”criticar menos e intentar facer máis pola agricultura e a gandería desde o sindicato agrario no que traballa. Pero prefire darnos leccións sobre o que o noso concello non ten e debería ter”. O alcalde recordou “o millón de euros enterrados polo goberno socialista no spa que non ten nin auga nin accesos”, e ademais considera que a promoción turística vai máis alá das bandeiras azuis, apuntando que as melloras do saneamento permiten ter augas de calidade excelente nas súas augas. Nese senso, sinalou que “este goberno municipal vén traballando en iniciativas encamiñadas a desestacionalizalo, acudindo da man da Xunta e da Deputación ás principais feiras turísticas, organizando eventos deportivos de referencia autonómica, renovando o material promocional todos os anos, impulsando as nosas Festas de Interese Turístico, abrindo no centro da vila unha das oficinas turísticas con máis actividade da contorna, promovendo rutas de tapas para dinamizar a hostalaría, ofrecendo formación ao comercio, dinamizando o mercado, impulsando a marca Costa da Morte desde a CMAT... Por iso estamos a traballar para abrir no antigo Centro Comarcal de Bergantiños o noso museo da olería e o mar, eses dous sectores que nos identifican e nos dan sona internacional. E por iso estamos a traballar cóbado con cóbado e ano tras ano coa Asociación Oleira de Buño para impulsar a Mostra da Olería”, explicou.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/o-psoe-malpican-propon-converter-o-parque-industrial-nun-centro-de-transformacion-de-produtos-de-pesca/

Comentarios