A hostalería de Muxía ponse a tapear
Despois do lío, do bo, de Semana Santa coa Festa do Congro e demais eventos, Concello de Muxía pon en marcha por primeira vez a campaña “Tapea Muxía”, unha iniciativa gastronómica que terá lugar os días 17 e 18 de abril e que nace co obxectivo de dinamizar o sector hostaleiro, promover o consumo local e dar a coñecer a excelencia da oferta gastronómica do municipio.
Durante estas dúas xornadas, veciñanza e visitantes poderán gozar dunha ampla variedade de petiscos elaborados polos locais participantes que ascenden xa a unha decena a un prezo popular de 1,50 euros, nun formato que invita a percorrer os establecementos e descubrir a creatividade e calidade da cociña muxiá.
A proposta inclúe ademais un incentivo para o público participante, que poderá optar a distintos premios, como unha cesta de produtos gourmet e consumicións gratuítas nos establecementos adheridos, fomentando así a implicación cidadá e o apoio ao comercio local.
A conselleira de Turismo, Sandra Vilela, destacou que “Tapea Muxía supón unha aposta clara por reforzar o noso sector hostaleiro, que é fundamental na economía local, ao tempo que se pon en valor a enorme calidade e diversidade da nosa gastronomía”.
Vilela sinalou tamén que “esta iniciativa non só está pensada para quen nos visita, senón tamén para toda a contorna, para que a xente da comarca e do noso territorio se achegue a Muxía, descubra o ben que se traballa aquí e goce dunha experiencia gastronómica única”. Ademais, subliñou que “Muxía é sinónimo de produto, de tradición e de bo facer, e con propostas como esta queremos seguir consolidando o noso posicionamento como
destino gastronómico e turístico de referencia”.

