martes. 23.06.2026
El tiempo

Malpica amplía o seu programa local de compostaxe doméstica

Composteiro2
Malpica amplía o seu programa local de compostaxe doméstica

O Concello de Malpica de Bergantiños amplía o seu programa de compostaxe doméstica a unha trintena de vivendas logo da achega, por parte de Sogama, de igual número de composteiros domésticos, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.

Con isto, o ente local busca que a autoxestión da materia orgánica se estenda a máis fogares como medida coa que promover a prevención e redución da produción de residuos en orixe, toda vez que o 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo está conformada por restos orgánicos que poden converterse en compost, un abono natural de alta calidade que os propios usuarios aplicarán nas súas hortas e xardíns, substituíndo ao fertilizantes artificiais. Todo un exemplo de economía circular.

Esta práctica, asentada no medio rural galego, vén a reemprazar ás tradicionais pilas de compost a ceo aberto por un recipiente específico, o composteiro, propiciando que o proceso sexa máis eficiente, cómodo e hixiénico.

Con esta nova partida, suman 145 os composteiros entregados pola empresa pública a este municipio, pretendendo minorar a cantidade de refugallos enviada a Sogama a través do contedor xenérico (bolsa negra) e, polo tanto, o importe a pagar polo tratamento desta fracción.

Comentarios