Martes. 16.04.2024
El tiempo

Malpica celebrou 10 anos de versos eróticos

Malpica celebrou 10 anos de versos eróticos
Entrega dos Premios Illas Sisargas A Entrega dos Premios Illas Sisargas non foi tan multitudinaria como emotiva

10 anos leva Malpica sendo unha referencia en materia de poesía erótica. O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas celebraba o décimo aniversario. E a realidade é que non o fixo en loor de multitudes, porque estes eventos poéticos, a pesar de sermos toda unha potencia na materia, non son tan multitudinarios como emotivos.

Pero se hai que falar de temperatura, poucas actividades foron tan quentes como a celebrada no Centro Cívico malpicán. Facíase entrega do premio do certame, e a elixida entre as 12 obras presentadas, foi "A razón do perverso", do coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica.

O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada “A outra voz”, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.

Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea.

Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.

Premios Illas Sisargas

A obra gañadora do ano que pasado, xa en papel

O libro A outra voz de Alberte Moman e Veronica Martinez- IX premio do Certame de Poesia Erotica Illas Sisargas Editado, como gañador do ano pasado, o libro "A outra voz" de Alberte Momán e Verónica Martínez

Tamén estivo presente Verónica Martínez, coautora de “A outra voz” xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. “A outra voz” foi o traballo gañador da edición do ano pasado, e o premio é a publicación en papel. O alcalde facía entrega do libro a Martínez.

Xa no restaurante A Cunca, de Buño, que foi o escenario da celebración, tanto o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano, coma o técnico de Cultura do Concello de Malpica, Antón Noceda, que integraron o xurado xunto con Verónica Martínez, agradeceron a presenza de autores e convidados. O alcalde de Malpica agasallou a Mário J. Herrero cun precioso botixo de rosca de Olería de Buño, e reiterou o apoio do Concello de Malpica, e o seu en particular, ao Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Eduardo Parga lembrou que o concurso botou a andar sendo el concelleiro de Cultura e que se sente especialmente orgulloso de que hoxe en día sexa unha proposta literaria de referencia en toda Galicia.

 

Mário J. Herrero Valeiro

Mario J. Herrero Valeiro ganador do X Certame de Poesia Erotica Illas Sisargas Mario J. Herrero Valeiro, gañador do X Certame de Poesia Erótica Illas Sisargas

Mário J. Herrero Valeiro (Coruña, Galicia, 2 de Febreiro de 1968) é un poeta español. Licenciado en Filología Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor en Filología Hispánica na Universidade da Coruña. É traductor de Portugues.

Libros publicados

Obras individuais

- 1999. No limiar do silêncio. Poemas da estrangeirice. VII Prémio de Poesia Espiral Maior. A Coruña, Ed. Espiral Maior. - 2001. Cartografia da Atrocidade. Lisboa, ),  - 2005 A Vida Extrema (ArcosOnline, edição eletrónica) Edições Tema. - 2011. Guerra de grafias, conflito de elites. Galicia, Através Editora. - 2013. Outra vida (22 poemas, uma confissão e um esclarecimento). Galicia, Através Editora. - 2014. Da Vida Conclusa. II Prémio de Poesía O Figurante. Galicia, O Figurante.  

Obras colectivas

- 1990. Mátria da Palavra. Antología de poetas galego-lusofonos (libro colectivo). Pontevedra-Braga, Cadernos do Povo. Revista Internacional da Lusofonia 15-18, pp. 78-80. - 1993. I Certame Literario (libro colectivo), A Coruña, Faculdade de Humanidades-Universidade da Coruña. Segundo prémio de poesía no I Certame Literario da Facultade de Humanidades (1992). - 1995. 7 Poetas (libro colectivo), A Coruña, Agrupación Cultural O Facho, pp. 7-27. Ten, ademais de libros, publicacións en actas de congresos e seminários. Premios • VII Premio Espiral Maior de Poesía en 1998, coa obra No limiar do silêncio. • II Premio de Poesía Figurante en 2014, coa obra Da vida conclusa. • Prémio literário Glória de Sant'Anna en 2015, coa obra Da vida conclusa.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios