Malpica impulsa tres convocatorias de subvencións para fomentar o deporte e a cultura
A Concellería de Deportes e Cultura de Malpica de Bergantiños vén de anunciar tres importantes convocatorias de subvencións destinadas a apoiar o tecido asociativo e deportivo local no ano 2024. Estas axudasdiríxense tanto a atletas individuais como a entidades deportivas e culturais sen ánimo de lucro, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento do deporte e a promoción da cultura no municipio.
1. Subvencións para o fomento do deporte individual
Con unha dotación económica de 5.000 euros, esta liña de axudas está destinada a deportistas individuais. Os beneficiarios deberán competir en eventos deportivos de relevancia rexional, nacional ou internacional, acreditando un nivel deportivo destacado no ano anterior á solicitude.
2. Subvencións a entidades para o fomento do deporte
As entidades deportivas sen ánimo de lucro tamén poderán optar a subvencións, cun importe global de 20.000 euros. Estas axudas cobren os gastos operativos das entidades que promovan o deporte en Malpica, como a participación en campionatos federados ou o mantemento de instalacións.
3. Subvencións para entidades culturais
Por último, o Concello lanza unha terceira convocatoria, cunha contía total de 20.000 euros, destinada a entidades culturais e educativas sen ánimo de lucro que promovan actividades culturais no ámbito municipal. A formación e promoción nas artes escénicas, plásticas e na artesanía tradicional serán algunhas das áreas subvencionables, ademais da posta en valor do patrimonio local e da promoción da lingua galega, entre outras.
Prazo de solicitude e tramitación telemática
As solicitudes para todas estas axudas deberán presentarse de forma telemática a través do Rexistro Electrónico do Concello de Malpica, no prazo de 20 días naturais a partir da publicación de cada convocatoria no Boletín Oficial da Provincia o 29 de outubro. As bases completas de cada unha destas convocatorias están dispoñibles na Base de Datos Nacional de Subvencións e no portal web do Concello.