Malpica maniféstase polo Orgullo

Poucas manifestacións na comarca co gallo do Día do Orgullo LGTBIQ+, para fomentar o respecto á diversidade sexual e de xénero. Algunha ben simbólica, como a que se viu ao longo do día en Cee, onde unha bandeirola multicolor luceo na Praza da Muller.

Mentres, en Malpica, esta mañá celebrouse un acto na praza Anselmo Villar Amigo, en presencia da corporación, a Policía Local e varios veciñ@s.
O acto remataba coa a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorínlendo este manifesto
Manifesto do Concello de Malpica polo Día do Orgullo
A noción básica do Orgullo LGBTTIQ+ consiste en que ningunha persoa debe avergoñarse do que é, sexa cal sexa o seu sexo, orientación ou identidade sexual. Os primeiros indicios da homosexualidade veñen da Antiga Grecia e o Imperio Romano. Nesas épocas a bisexualidade era a norma. Aínda que nos pareza mentira tiñan a mente máis aberta que agora. O Movemento pola Diversidade Sexual remonta os seus inicios coa fundación do Movemento de Liberación Homosexual, MOVILH histórico, en 1991. A orixe da data do Día do Orgullo LGBTTIQ+ remóntase ao 28 de xuño de 1969 cando nun bar de Nova York chamado Stonewall, gais, lesbianas, bisexuais e transexuais, intersexuais, queers (LGBTTIQ+) cansados das continuas fustigacións da policía, decidiron enfrontala, rebelándose contra un sistema político que avalaba a discriminación, a persecución, a fustigacións e a violencia sistemática contra a comunidade.
Foi neste mesmo momento cando se inicia o movemento homosexual en Estados Unidos e a loita polos seus dereitos. En poucas semanas, despois de varios incidentes violentos o colectivo logrou ter lugares para poder estar libremente sen medo a ser arrestados ou violentados.
Pouco a pouco a este movemento fóronselle sumando outros países do mundo. Disto pasaron 53 anos, duns acontecementos que foron a catapulta o impulso para loitar pola procura da igualdade de dereitos para este colectivo, reclamar pola non violencia, o respecto pola diversidade sexual, a liberdade para decidir sobre o seu corpo, o dereito á identidade, a protección, o recoñecemento de todas as familias e polo pleno acceso a todos os dereitos que aseguren a inclusión cidadá. Hoxe a loita continúa, pois aínda quedan países nos que a homosexualidade é considerada delito e son castigados mesmo con penas de cárcere e ata de morte. Hai 7 países con pena de morte ( Arabia Saudita, Iemen, Irán, Emiratos Árabes, Mauritania, Nixeria e Brunei), 58 que condenan aos homes con penas de prisión (Cabo Verde, Maldivas, Tanzania. Nepal, Nixeria, Arxelia, Somalia...) e 6 con pena física (Brunei, Malasia, Irán, Paquistán, Fixi, Sudán). Pero non fai falla ir tan lonxe. Neste momento no noso país, na nosa propia comunidade autónoma, na nosa provincia e quen sabe se no noso Concello, hai alguén que sofre discriminación pola súa condición sexual. Hai alguén ao que lle da medo recoñecer ser quen é polo que dirán ou polas posibles consecuencias que lle poida traer na súa vida persoal ou laboral. Hai a quen o están agredindo física ou verbalmente por ser diferente.
Hai alguén que está sufrindo por algo que non debería traer consigo dor. Cada día vívense situacións de homofobia no noso país e isto non se debe permitir. Por este motivo, desde o Concello de Malpica condenamos calquera tipo de acción discriminatoria ou conduta violenta contra calquera persoa pola súa orientación e cremos que este día é necesario para darlle visibilidade ao movemento e apoialo. Queda moito camiño por andar e moito que loitar, pero non imos deixalos de lado nunca. Seguiremos camiñando xuntos para conseguir a igualdade de condicións e oportunidades nunha sociedade na que non faga falta ocultar ou avergoñarnos de quen somos e do que somos. Seguiremos loitando contra a LGTBI Fobia, aportando o noso gran de area para crear un futuro mellor para os nosos fillos, fillas e filles.