Pistacatro, Touriñán e Xampatito Pato protagonizan a segunda semana do FIOT

En marcha a segunda semana do Festival Internacional Outono de Teatro, que ofrecerá, de xoves a domingo, seis novas propostas escénicas.
Todo nunha semana na que tivo que ser cancelada estrea absoluta do espectáculo Territorio Regueifa, prevista para o venres 3 e o sábado 4 de outubro– no Pazo da Cultura de Carballo. O espectáculo sería o encargado de abrir o Programa de Sala da 34ª edición do festival, pero non será posible por mor dunha baixa médica imprevista dun dos compoñentes do elenco. Tendo en conta a condición de protagonistas dos tres membros do reparto e dada a singularidade do seu perfil artístico, coas particularidades do traballo que realizan como regueifeiros e a data na que nos atopamos, a apenas tres días da estrea do espectáculo, a posibilidade de facer unha substitución non é unha opción viable que poida garantir a calidade da proposta que todos esperabamos presentar ante o público.
O FIOT mantén o seu compromiso de coprodución da obra e reprogramará a estrea de Territorio Regueifa en Carballo cando a compañía poida retomar o traballo e as condicións humanas e técnicas de todos os axentes implicados así o permitan.
Programa semanal
A Rúa dos Contos desta 34ª edición do FIOT continúa a súa andanza este xoves, 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Casino 1889, co monólogo das narradoras orais galegas Atenea García e Vero Rilo Bailen as vellas. Os contos das cereixas, un espectáculo accesible en lingua de signos. Chegar e encher, de Bea Campos, e Zorras, da Cía. La Creída, son as outras dúas propostas que encherán de risas a Rúa dos Contos esta fin de semana, no Valle Inclán Café o venres, e no Mercado Municipal o sábado, respectivamente.

Xa o venres, 3 de outubro, un dos cómicos máis queridos polo público do FIOT, Xosé A. Touriñán, regresará ás táboas de Carballo co seu monólogo Aquí tou!, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura, ás 21.00h, trala cancelación por causas de forza maior da estrea de Territorio Regueifa, de Ainé Producións.
Tamén o venres, 3 de outubro, ás 19.30 horas, na Praza do Concello, Pistacatro animará o Teatro de Rúa do FIOT coa súa última creación, Sen patrón, a golpe de malabares, xogos imposibles e moito humor para todos os públicos. Finalmente, o domingo, 5 de outubro, contra ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, o OTNI presentará a súa primeira proposta para este 2025: Compaña, de Xampatito Pato, unha pequena xoia que fusiona circo coa arte das marionetas e o teatro de obxecto nunha fermosa viaxe onírica.

Exposición
Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz. As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.
Máis novas