Venres. 19.04.2024
El tiempo

Malpica viaxa ao 1933 para recuperar "O Retablo de Fantoches" de Rafael Dieste

O Retablodos Fantoches en Malpica en 1933
Malpica viaxa ao 1933 para recuperar "O Retablo de Fantoches" de Rafael Dieste

A obra de Rafael Dieste, O Retablo dos Fantoches, formou parte do repertorio que o Teatro Guiñol das Misións Pedagóxicas representou por aldeas de pobos de toda España entre 1933 e 1936, entre eles a vila de Malpica.

Así lembraba o propio Dieste a experiencia: “Os medios de fabricación foron da miña colleita, o mesmo que o deseño do estaribel, cos seus recursos de iluminación, escenográficos, etcétera. Todo isto requiriu experimentos nos que participou con seu fogoso xenio José Val del Omar. No modelado dos bonecos e nos decorados interviñeron principalmente Ramón Gaya, Fernández Mazas, Miguel Prieto, Urbano Lugrís e eu tamén, non só como teórico -xa que xurdiron moi curiosas discusións estéticas-, senón como artesán Na doncela Guerreira, Lugrís, que era un guiñolista portentoso, acertou a resolver teatralmente un final de escena, culminación da comedia, cun relincho brioso e xubiloso do cabalo en fuga levándose a heroína. A dirección de escena, así como os guións ou farsas, corrían o meu cargo, e rara vez deixaba de ter algún papel nas representacións”.

En lembranza do titánico esforzo realizado por Dieste, Val del Omar, Gaya, Mazas, Prieto e Lugrís para levar a cultura a todos os recunchos do país, a Concellería de Cultura de Malpica pon en marcha un ciclo de espectáculos de monicreques baixo a denominación de Retablo de Fantoches de Rafael Dieste.

As funcións comezarán este sábado, día 2 (paseo marítimo, 20.30 horas), coa representación de “Acuario”, de Teatro Ghazafelhos e María Canosa. O día 9, Titeres Trompicallo ofrecerá “Jiñol”, e o 30 estará en Mapica Ledo Teatro con “A súa vida”.
No caso de choiva as actuacións trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico.

Fonte

  • Concello de Malpica.

Comentarios