Malpica fai melloras na Estación de Tratamento de Auga Potable de Ponte Berrón

O Concello de Malpica de Bergantiños anunciou a conclusión das melloras na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Ponte Berrón, centradas na automatización da dosificación de produtos químicos. O obxectivo principal destas melloras, despois dos problemas de abastecemento do ano pasado, é aumentar a capacidade de tratamento para cubrir as necesidades actuais do municipio, así como prever as necesidades futuras cunha vida útil estimada de polo menos outros 40 anos.
As melloras constan de dúas liñas de tratamento: unha liña de tratamento de auga e unha liña de tratamento dos lodos xerados no proceso de tratamento da auga.
A inversión total ascendeu a 61.000€ para unhas obras, realizadas pola empresa Demain Obras y Servicios, S.L.
Convenio con Abanca
Así, mesmo, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, reuniuse coa directora da oficina de ABANCA de Malpica, Lorena Linares Sánchez, e co responsable institucional de ABANCA A Coruña, José Manuel Vilariño Orgeira, para a firma do convenio de colaboración para a promoción, difusión e apoio da Romaría de Santo Hadrián de Malpica, declarada “Festa de Interese Turístico”, cun importe de 1500€.