Os veciños de Malpica reciclan máis de 1.200 litros de aceite vexetal en dez meses
07:05 01/11/16
Colector situado no centro Cívico de Malpica
Seguimos coas boas cifras da reciclaxe despois de que coñeceramos que os hostaleiros de Carballo reciclaran 109.500 quilogramos de vidro durante os meses de xullo e agosto. Nesta ocasión, foron os veciños e veciñas de Malpica os que reciclaron 1.286 litros de aceite vexetal en 10 meses.
Dende que se puxo en marcha o sistema de recollida selectiva, a mediados do 2013, grazas a un convenio entre o concello de Malpica e a empresa Reave - Recollidas de Aceite Vexetal - , os malpicáns utilizan de cotío os colectores instalados no mercado municipal, o centro Cívico, a casa do Oleiro, o centro Social de Seaia, o das Pozacas e o colexio Joaquín Rodríguez Otero. O mercado de abastos, no entanto, é o punto de depósito preferido polos veciños, cun total de 421 litros nos dezmeses comprendidos entre xuño do 2015 e abril deste ano, aos que corresponde o último informe enviado por Reave ao concello de Malpica.
Tanto dende a empresa como dende o concello malpicán agradeceron a colaboración da cidadanía e resaltaron a importancia de evitar que o aceite vexetal que se utiliza para cociñar acabe nos desaugues, xa que mesturado co xabón crea unha costra que acaba por atascar as canalizacións e ademais é prexudicial para as augas do sumidoiro.
A mellor alternativa é almacenar o aceite en botellas de plástico con tapón de rosca e depositalo en calquera dos seis colectores distribuídos polo municipio.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Malpica