O Quinteiro mantén vivo o Cine Galicia
Non para a Asociación de Veciños e Socio-Cultural O Quinteiro de Buño. A entidade está desenvolvendo varios proxectos e actividades que dinamizan a vida da vila oleira e mentres pensa no “Quinteiro dos libros”, aínda palada o vivido esta pasada fin de semana.
Arrincaba a iniciativa “Exposición Cine Galicia. Unha retrospectiva á Máquina dos Soños”, e facíao cunha recollida de material e de información. Para iso, invitaron a todo o pobo a achegarse ao Ecomuseo do Forno do Forte este pasado sábado. Se ben non conseguiron moito material gráfico (apenas 5 fotografías da época de actividade do cine cedidas por un par de veciños), si que recadaron unha valiosa información que se logra recuperar e manter viva.
O meirande tesouro da xornada foi a cesión por parte dunha persoa da vila, duns “libros das primeiras contabilidades, diarios, libretas de taquilla, con cumplida información sobre cada un dos filmes proxectados, gastos correntes, recadacións por taquilla, tamén contratos de compravenda e cesión de películas, incluso do No-Do, e varias outras curiosidades. Tamén conseguimos que nos cederan discos de vinilo da época que pinchaban na Radiola, e unha pequena colección duns 12 libretos de películas dos anos 40 e 50 que se entregaban a modo publicitario”. Uns verdadeiros tesouros, sen dúbida.
Con todo, a entidade sabe que hai moito máis patrimonio gráfico agochado nas casas e seguirá insistindo en invitar á veciñanza a compartilo.
Roteiro Literario polo Abril dos libros
A entidade pensa xa na vindeira cita, co gallo do mes de abril, e os días do Libro e o Libro Infantil. Así, o vindeiro sábado 18 de abril, invitan a pasar a tarde camiñando por tres dos nosos fornos máis emblemáticos e compartindo experiencias a carón dos libros.
O programa arrinca ás 16:00h no Forno dos Mouróns, onde arredor do Buño Conta, a veciñanza compartirán historias.
Ás 17:00h toca visitar o Forno do Fore, onde espera unha adaptación circense do clásico conto: O Flautista de Hamelín, da man de MeRe Clown, fundador e co-director da Compañía de Espectáculos e Animación Moc Moc.
E xa ás 18:15h, merenda literaria no Forno da Costa, onde espera un mercadillo de libros de segunda man a prezos populares e a favor da asociación de veciños. O recaudado servirá para financiar ésta e futuras actividades. Despois da subida ao Forno da Costa poida que precisemos repoñer forzas, así que as lecturas estarán acompañadas de chocolate quentiño.
Se o tempo non nos acompaña, todas as actividades terán lugar nun único espazo: o Forno do Forte.
Para participar podes avisar en 686700766.



