Por outros 25 anos coidando Protección Civil
Aí é nada. 25 anos dedicados á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica. De aí que a Asociación Nacional de Agrupaciones e Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España (ANAV Protección Civil España). queira recoñecer a labor deste malpicán, como fan con dous ceenses, a súa antigüidade e constancia.
Farao entregando Medalla de mérito e recoñecemento á antigüidade e constancia, na súa categoría de ouro. O acto oficial celebrarase o vindeiro 26 de outubro na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, a partir das 12 horas.
José Iván Muíño Facal é voluntario de Protección Civil dende o 3 de marzo de 1994. Durante 15 anos desenvolveu a súa actividade na agrupación de Carballo, onde participou en operacións de rescate de persoas atrapadas en vehículos, extinción de incendios forestais e urbanos, busca da persoas desaparecidas por terra e auga, operativos preventivos, e vixilancia e salvamento de persoas na praia. Ademais, durante ese período foi xefe de sección, vogal da xunta directiva da agrupación, encargouse da formación básica de voluntariado en escalada e mergullo, e, entre outras moitas tarefas, colaborou en distintas accións durante a catástrofe do “Prestige”.
Dende o ano 2009 dirixe e preside a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, que nestes momentos, e grazas ao traballo desenvolvido ao longo destes dez anos, é unha das mellor equipadas da Costa da Morte. O equipo que dirixe José Iván Muíño Facal, integrado por máis de 20 voluntarios e voluntarias, xestiona a base e o novo almacén situados en Cerqueda e un equipamento formado por 2 vehículos todoterreo, 1 carro preparado para incendios cunha bomba de alta presión de 400 litros, 1 carro de emerxencias con bombas de achique e xeradores, 1 carro de salvamento, 2 lanchas de salvamento, entre outro moito material que permite á agrupación actuar en todo tipo de emerxencias.