Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Castelao e polémica historia do mural de Malpica

Mural en Malpica
O mural malpicán antes e despois de ter borrado a figura de Castelao
Castelao e polémica historia do mural de Malpica

Pintaba todo perfecto para ser un proxecto espectacular, que mellorase a imaxe da zona do paseo marítimo de Malpica, que humanizase a desfeita urbanística que leva sufrindo Malpica dende os anos 60. Un enorme mural, realizado polo coñecido Yoseba Muruzábal (autor das Superavoas que ten traballando en varios proxectos na comarca) cubriría a fachada do último edificio do paseo pola zona norte.

Mural en MalpicaMural en Malpica

A idea principal era facer un mural dun barco, pero a imaxe formulada inicialmente non era ideal plastifcamente. Pensaron nas redeiras o atadoras, pero o artista considerou que non quedaría ben, que non se ía polo que a idea dunha embarcación colleu forza. Que mellor que a embarcación dos propietarios do edificio, que aínda está en funcionamento, e que se chama “Novo Castelao”.

O proxecto completaríase cunha acción de embelecemento da praciña do carón, que incluiría a doazón dunha gran hélice de bronce por parte doutro veciño. Aí chegaron os problemas. Este veciño, ao ver o mural da embarcación coa imaxe de Castelao na proa, considerou que este feito eliminaría protagonismo á súa doazón, e obrigou ao Concello a determinar a eliminación do busto de Castelao por outro motivo. Ademais, propúñase a idea de cambiar o nome polo de “Novo Malpica”, para intentar integrar a toda a vila.

Nunha encrucillada quedou o artista de Ordes, que nunca se vira nunha situación tal. E acabou decidindo facer caso, e cambiando a imaxe de Castelao por unha imaxe do escudo dos leóns dos Condes de Andrade que representa perfectamente o que fixo o veciño: “caciquismo”.

A visión do artista

Yoseba cunha amiga no Mural ainda coa imaxe de Castelao
O artista cunha amiga no mural antes de ter que borrar a figura de Castelao

”A verdade é que foi un lío gordo, a primeira vez que unha persoa axena ao proxecto, aparece aí e ten un poder de decisión que pode con todos”, explícanos. “Xa cando apareceu a idea de borrar a Castelao e os argumentos que daba sobre que a xente pensaría que era unha homenaxe a Castelao pareceu absurdo pero ao final gañou o poder, pasou por riba de nós”.

Yoseba recoñece que “ao mellor non souben estar a altura e poñerme firme”, pero agora é máis fácil pensalo que con toda a presión que tivo enriba eses días nos que xa co mural rematado, non lle deixaban marchar.

Agora pénsao e dóelle. “Borrar a Castelao foi unha violación aos meus dereitos como artista, e tamén un sacrilexio a nivel ideolóxico. Eu elixín ese barco pola súa identidade. E se non se pintara non pasaba nada, pero o feito de borralo ten unha connotación que tería se non se chegase a pintar.”

”Fixémolo mal todos, o Concello e mais eu, que eu asumo parte da miña responsabilidade porque cain ás presións”, sinala ao tempo que intenta xustificar a un alcalde que apostou por el. “O alcalde intentou pelexar en varias ocasións co veciño polo mantemento do busto, pero é certo que non utilizou a súa autoridade e acabaron sucumbindo á súa chantaxe. Era unha situación complexa para eles tamén para eles”, recoñece co “mal sabor de boca de enturbiar Malpica”, pero consciente de que “pasou e tense que saber” para que non volca acontecer.

Críticas do BNG

Se ben o PP xa denunciara que o mural “dse fixera para tapar as humidades do edificio dun veciño”, é o propio socio de goberno, o BNG, o primeiro que salta a alarma sobre esta “decisión tomada unilateralmente polo PSOE de censurar a obra de Yoseba Muruzábal”.

”Como membros do goberno municipal, a concelleira e o concelleiro que representamos ao BNG no Concello de Malpica lamentamos tamén que o alcalde tome decisións en solitario, xa que en ningún momento se nos informou sobre o proxecto para a praza, e consideramos inadmisible que un cargo político acepte un clarísimo ataque á figura dun símbolo de Galiza e de todas as galegas e galegos coma Castelao”. “A desaparición da figura de Castelao da pintura non só é un agravio a un político, escritor e pintor que mesmo dá nome ás persoas e feitos que son obxecto de distinción e recoñecemento por parte da Xunta; senón que constitúe un acto de censura artística que dende o BNG non podemos admitir nin consentir. Por iso, o grupo municipal convocará de inmediato unha reunión do goberno para coñecer os motivos desa postura adoptada unilateralmente e pedir que se restitúa o deseño orixinal do mural”, sinalan.

Apuntan ademais que “o goberno municipal non debe nin pode ceder ás presións particulares, e moito menos amparalas, e instamos ao alcalde socialista a respectar a liberdade artística”.

Comentarios