"O CEIP Milladoiro demostra que é posible, necesario e desexable unha escola en galego"
Emotiva mañá no Centro Cívico de Malpica, onde o Colexio de Educación Infantil e Primaria Milladoiro de Malpica de Bergantiños recibiu, a mans do presidente da Real Academia Galega, o I Premio Na lingua que eu falo. Un recoñecemento que toma o seu nome dun dos poemas dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, creado coa vontade de recoñecer iniciativas, experiencias ou persoas que destaquen polo seu traballo a prol da normalización do galego entre os nenos e nenas.
Toda a comunidade educativa do centro malpicán cruzaron a estrada para ateigar o auditorio do Centro Cívico nunha festa da lingua na que se recoñeceu o compromiso dun grupo directivo que leva décadas demostrando a súa afouteza pola lingua.
Foi Fina Casalderrey a que conduciu o acto canda o alumnado de 5º curso, que foi presentando unha escolma de experiencias do colexio para “coidar e empregar” o galego todo o ano. Cun guión inzado de palabras do seu Dicionario malpicán como atalora, campal, che, meu ou becheche, a achega dos nenos e nenas tivo o seu apoxeo coa interpretación, por parte da rapazada de 6º, da canción Galicia Elemental, creada en comunidade no marco do proxecto documental integrado NÓS: patrimonio in-MATERIAL!
"Dise que a infancia é o territorio da esperanza e do futuro, e no CEIP Milladoiro confírmase que o é. Nesta escola escríbese o presente e o mañá, o persoal e o que compartimos, na nosa lingua, e faise con naturalidade, autoestima e creatividade. A súa comunidade educativa simboliza, parafraseando a Castelao, a enerxía colectiva que nunca perece”, salientou durante o acto o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
A RAG destacou a "renovación pedagóxica e en galego" dun centro que "lle transmite ao alumnado o afecto pola lingua". "O CEIP Milladoiro demostra que é posible, necesario e desexable unha escola en galego. A súa experiencia é un excelente exemplo de como os centros educativos poden ser, no canto de axentes de desgaleguización, como ocorre en tantos casos, espazos de reforzo e de agarimo pola lingua, vinculándoa ademais á tamén necesaria renovación pedagóxica e á transmisión dos nosos valores como pobo e da nosa identidade, en consonancia co pensamento de Castelao que conmemoramos este ano”, engade o presidente da RAG.
“Educar en galego é unha expresión do noso compromiso coa cultura e coa sociedade que nos arrodean. É educar desde a raíz, transmitir valores e formar persoas conscientes da súa orixe e da súa capacidade para transformar o mundo desde o que son”, comparte a directora do CEIP Milladoiro, Ana Seoane Cives, que recolleu o galardón de mans do presidente. “En Malpica o galego é máis ca unha lingua: é un reflexo da nosa maneira de sentir, de vivir e de relacionarnos co mar, coa terra e coa xente. A lingua galega permítenos ademais conectar a realidade local coa global, comprender o noso lugar no mundo e participar del con voz propia. A través dela promovemos o pensamento crítico, o diálogo e o gozo compartido da cultura”, abunda a directora.
A xornada deixou claro que o I Premio Na lingua que eu falo é tamén para o alumnado e as súas familias, e mesmo dalgún xeito para “toda a comarca de Bergantiños, que coas mellores taxas de transmisión xeracional da lingua é un exemplo para toda Galicia”, apuntou o Henrique Monteagudo. “Quixeramos que tomedes este recoñecemento coma unha sorte de medalla de ouro nunhas olimpíadas. O valor simbólico é inmenso”, díxolles aos nenos e nenas a escritora e mestra xubilada Fina Casalderrey.
Do ‘Dicholeo’, Radio Balea o ‘Galicómic’ ao xogo de mesa malpicán
As mestras e mestres do CEIP Milladoiro traballan para arrequentar un ambiente de aprendizaxe no que o alumnado desenvolva un pensamento crítico, empático e creativo. Neste marco pedagóxico, a identidade lingüística é un concepto e unha práctica transversal que guía, entre outras, propostas como a programación da emisora escolar, Radio Balea; o DichoLeo, centrada na alfabetización audiovisual e na que o alumnado grava pequenas pezas para detectar interferencias lingüísticas e ampliar o seu vocabulario galego; o Galicómic, a serie de banda deseñada na que protagoniza as súas propias páxinas; ou libros de produción propia como o devandito Dicionario malpicán ou o Dicionario mariñeiro, elaborados tamén dándolles protagonismo á rapazada e ás súas familias. Todas estas experiencias teñen ademais o atractivo dun marcado sentido lúdico, como E ti, de quen vés sendo?, o xogo de mesa con preguntas arredor de Malpica de Bergantiños, outro produto do proxecto Patrimonio In-Material!
