Rematadas as obras de seguridade do porto de Malpica


O concelleiro Miguel Fernández e o patrón maior, Pedro Pérez, acompañaban esta mañá ao Presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, na súa visita ás obras realizadas polo seu departamento para mellorar os servizos aos usuarios do porto malpicán, entre elas a reconstrución do noiro da Atalaia e a urbanización do espazo ocupado pola antiga lonxa. O investimento realizado, que ascende a preto de 700.000 euros, garante a estabilidade e a seguridade do muro e permite mellorar de maneira substancial o acceso ás instalacións para camións e tráilers, dando así resposta a unha vella demanda do sector que fora trasladada a Portos polo alcalde.
Ademais de gañar en operatividade, o terreo gañado permitiu crear unha nova área de aparcamento e lecer, harmonizando o espazo resultante coas actuacións realizadas no porto de Malpica nos últimos anos.
As obras incluíron tamén a instalación de 15 vigas galvanizadas para as defensas de rosario (ringleiras de rodas que se colocan adosadas ao muro para protexer as embarcacións de posibles danos) e a construción de dous pantaláns para embarcacións menores, aos que se accede por unha pasarela articulada de estrutura de aluminio e piso de madeira. Esta pasarela dá acceso a un pantalán adosado ao peirao de 12 metros de longo por 3 de ancho que, á súa vez, conecta con outro transversal de 29,5 x 2,5 metros. Estas dúas estruturas están realizadas con perfís principais de aluminio e piso de madeira, e contan cun sistema de flotadores que garante a súa estabilidade con mareas vivas.
Novas relacionadas
- Decembro 2015: As obras do porto de Malpica rematarán a finais de xaneiro.
- Xuño 2015: As obras de reforzo do muro do porto de Malpica non estarán rematadas ata o verán.
- Maio 2015: Tremendo afundimento do muro onde estaba a Lonxa Vella de Malpica.
- 18-02-15: As máquinas xa derruban a lonxa vella de Malpica a pesar do rexeitamento social.
- 29-01-15: A lonxa vella de Malpica podería ser derrubada nas próximas semanas.
Fonte
- Concello de Malpica.