Un Entroido para unir e divertir en Cerqueda


Santo Entroido xa ven
Nos témoslle devoción
Cambiaremos a careta
Comerémolo o lacón.
Se pasades por Cerqueda e os veciños vos atenden con coplas, non asustedes. É que xa están preparando o entroido e hai que ir afiando a retranca para que as estrofas de catro versos das regueifas flúan.
E se imos recibindo os primeiros carteis do Entroido costeiro (xa repasamos o do Entroido máis tradicional da Costa da Morte), hoxe toca ir ata a parroquia malpicá de Cerqueda, onde as asociacións xa prepararon 3 citas ineludibles. Aí están a Asociación Cabalar "Os Veteranos, a Comisión de Festas, a Monte D'Arxa e a Raigañas armando unha boa. "Facendo Unión e Diversión" rima o lema deste 2014.
As citas arrincarán o sábado 22 de febreiro, co Gran Cocido-Baile no Restaurante Canta la Rana, amenizado polo dúo musical Las Chicas de Swing.
Para o sábado 1 de marzo, toca gran Festa de Disfraces Infantil, con chocolatada e todo no Local Social das Pozacas.
E o gran día, será o domingo 9 de marzo, co Percorrido da Comitiva de Entroidos Madamitos e Ghuadineros, eses persoeiros tan característicos de Cerqueda que están mantendo vivos gracias ao empeño das asociacións.
Novas relacionadas
- O Entroido de Fisterra 2014 xa ten cartel.
- Entroido 2012: Os pequenos de Cerqueda abriron o entroido.
- Entroido 2011: Cerqueda recupera o seu patrimonio coa gravación dunha Polafía.
- A “Polafía”, unha auténtica viaxe en vídeo pola tradición de Cerqueda.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).