Mércores. 16.10.2024
El tiempo

Veciñ@s polo mundo: "Penso que os chinos nunca comeron un bo codido"

Veciñ@s polo mundo: "Penso que os chinos nunca comeron un bo codido"
Martin Punal no East Nanjin Lu de Shanghai Martín Puñal, de Buño ao East Nanjin Lu de Shanghai Seguimos percorrendo mundo nesta sección tan fantástica gracias aos veciñ@s costeir@s emigrados. Hoxe toca longa viaxe, para coñecer ao malpicán en China. Martin Punal no The Bund de Shanghai Martín Puñal facéndose foto obrigada ao outro lado do skyline do The Bund de Shanghai
  • QPC: Como te chamas?
Chámome Martín Manuel Puñal Casal.  
  • QPC: De onde es?
Son de Buño, concello de Malpica de Bergantiños.  
  • QPC: Onde vives agora?
Estou residindo en Shanghai, na China, no distrito de Zhabei.  
  • QPC: Por que motivo te trasladaches aí?
Sendo arquitecto como son, moitas oportunidades en España non ía ter, e aínda que algunha me saira, decidín dar o paso sabendo que son novo e que teño tempo pra arriscar e que poida saír mal.  
  • QPC: Canto tempo fai que te mudaches?
Cheguei a finais de xaneiro e teño visado ata xullo. Ofrecéronme continuar, polo que se o tema do novo visado sae ben, outro aniño máis polo menos.  
  • QPC: En que traballas?
Traballo de arquitecto, deseñador, e tamén en marketing (fago un pouco de todo), nunha empresa de importacións e exportacións china con fortes contactos en sudamérica.  
  • QPC: Que é o que máis botas de menos da Costa da Morte? Tes morriña?
A comida, o clima e a xente. Penso que os chinos nunca comeron un bo codido, porque senón, non me explico. Aquí ta toda a comida cortadiña e nunca acabas cheo. E bueno, arroz e fideos creo que comín toneladas deles. Todo picante, aparte. En fin, unha desfeita. O clima tampouco o levo moi ben, a humidade é moi alta pero non está o Atlántico ao lado para amainar o tema, e acabas os días cunha suor seca pegada ao corpo moi traizoeira. Aparte, a polución non axuda, aínda que non é tan grave como esperaba. Pero isto valo levando, ao final o que realmente botas en falta son pequenas cousiñas, coma chegar a un sitio, dicir “eeeii” e que ninguén che responda con entusiasmo porque xa todo o mundo te coñece. Os típicos detalliños que non agradecías antes.  
  • QPC: Manteste ao día da actualidade costeira? Como?
Si. Familia e amigos, principalmente, redes sociais, e páxinas como a vosa ou La Voz de Galicia.  
  • QPC: Cantas veces ao ano viaxas a casa?
Teño idea de volver en xullo ata España pola continuación de visado, que creo que teño que ir á forza, e se quedo por aquí tan lonxe, con ir un par de veces ao ano creo que está ben. Iso si, moi mal se ten que dar a cousa pra que non acabe asentándome en Europa.  
  • QPC: Que tal embaixador es da túa terra? Canta xente tes traído de aí a visita a Costa? A canta lle tes falado dos nosos recunchos?
A verdade é que son bastante pesado co tema. A pouco que me coñezan xa me chaman o “Galician boy”. Eu sempre invito a xente a Galicia, e digo que iso de que chove moito e que a auga do mar está moi fría é mentira. Esaxero todo pra que veñan, claro. Vendo Galicia en xeral e a Costa da Morte en particular coma un paraiso agochado. E despois ensinas un par de fotiñas de google e logo che dan a razón, a verdade é que si.  
  • QPC: Que diferencias máis grandes atopas entre o teu novo lugar de residencia e a Costa da Morte?
A maneira de pensar da xente. Hai algúns que non, sobre todo os que estiveron en Europa ou os EEUU, pero a maioría dos chinos son moi tercos. Non hai maneira de razonar con eles, e mira que o intentei e o sígoo intentando. Aparte, para eles, polo que falei con esta xente, a vida parece ser traballo, casa, parella, fillos, familia, chafullar no móbil para comprar calquer cousa e pouco máis. Igualmente, se falas chino dixéronme que a cousa cambia así que haberá que intentalo, a ver que tal. Pensaba que non había tantas, pero aínda hai moitas, moitas diferencias entre eles e nós. E non, non son coma os chinos que están en España.  
  • QPC: Que cousas importaría para a Costa da Morte e que cousas levarías de aquí para aí?
Ata alí levaría as gañas de ser de onde es. Todo o mundo che ensina animado calquer cousa relacionada co seu sitio de orixe. Aínda que hai que dar algunha volta polo tema de que ninguén coñece a nosa lingua, cultura, etc., vale a pena pararse un pouquiño a explicar. Xa sei que estamos moi lonxe de todos lados, alí na esquiniña, pero hai que acabar con esa sensación de que sempre somos a última carta da baralla. O que tamén intentaría e “ensinarlle” aos chinos a levar un estilo de vida máis similar ao noso, porque van liderar o mundo e se temos que acabar todos traballando o que traballan eles pra ir tirando creo que non nos agardan bos tempos. Polo que hai que dicirlle aquí á xente que aprendan a levar a vida dun xeito máis relaxado.  
  • QPC: Cóntasnos algunhas anécdotas que che aconteceron por aí?
Anécdotas hai 200 cada día, pero contarei a que involucrou a Galicia e China. No Festival da Cerveza había un posto de Estrella Galicia e un home chino vendendo nel. Despois de falar con el, dicirlle que era galego, falarlle de Galicia, e pouco menos que dicirlle que viñera comigo no avión de volta, vendiume a Estrella por 20 yuans. Volvín máis tarde a por outra, e estaba xa un rapaz de Ourense, que me dixo que o precio eran realmente 10 yuans. Aquí negociase todo, e xa podes ser a mellor persoa do mundo que sempre che van intentar levar cartos de máis. Aínda lla teño xurada. Hai que andar con ollo constantemente. Martin Punal bebendo estrella en China  
  • QPC: Atopácheste con algún veciño costeiro máis? Xúntaste con galegos ou costeiros habitualmente?
Se hai algún costeiro por aquí que me avise, porque non vin ningún. Galegos vin dous. Fago vida con franceses e mexicanos, principalmente, e calquera que se queira xuntar. Agora veume pro piso un rapaz de Leeds e o inglés xa o vou deixar niquelado, así que perfecto. O mellor desta experiencia e que coñeces xente de todo o mundo constantemente. E normalmente todos están tan perdidos coma ti, claro.  
  • QPC: Volverás á túa terra? Cando?
Volver hei volver, cando, non o sei. Instalareime en Europa a medio prazo pra quedar alí, xa. E bueno, se ao final sae algo pola terriña pois xa se irá vendo.  

Veciñ@s polo mundo

Estes son algúns dos amig@s que xa temos visitado polo mundo. Se queres contarnos a túa historia ponte en contacto en [email protected], polo Facebook Que pasa na Costa ou no whatsapp 637 704 893.

Outros artigos migratorios

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

Comentarios