Europa escoitou e anotou as demandas da pesca artesanal e o marisqueo
A segunda xornada da visita da comitiva da pesca artesanal galega a Bruxelas da man da europodeputada do BNG Ana Miranda, saldouse cunha importante reunión con Elisa Roller, xefa de Unidade da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea e responsable dos Fondos Europeos de Marisqueo e Pesca 2021-2027. O sentido da expedición era trasladarlle á Comisión Europea a realidade dunha pesca de baixura galega descoñecida para os europarlamentarios.
A sensación dende o sector é positiva, pero está dividida. Moitos son optimistas, poñendo o exemplo cando unha visita semellante anos atrás conseguíu convencer á Comisión de que a rede do xeito non era abusiva. Outros son máis escépticos, e despois de varias destas visitas europeas xa non teñen tanta confianza nestas institucións.
En todo caso, a Comisión aceptou a visita, escoitou e mesmo anotou as demandas do sector (definición; trato diferenciado; quedar dos TAC´s e das cotas; anulación da lei de descartes; axudas dirixidas á modernización do sector…), un simple feito que paradoxicamente fai máis cercana a institución europeas que a propia Consellería do Mar.
Nese sentido Miranda afondou en que “Nós imos propor que se teña en conta a actividade socioeconómica, a propiedade do barco, -xa que son propiedades familiares- a distancia da costa, -que é moi pequena-, o produto que pesca, e o uso de artes sustentables”. Ademais o BNG tamén solicitará axudas pola paralización do sector debido aos temporais, as mareas negras, ou a improdutividade pola contaminación, como acontece na ría do Burgo. “Tamén pediremos que se estableza unha relación directa, ausente na normativa, coa política de augas”, en relación ás problemàticas que impiden traballar rías como a do Burgo ou Corcubión.
Trala reunión a comitiva realizou unha rolda de prensa diante do edificio de Berlaymunt:
https://www.facebook.com/quepasanacosta/videos/236452043893352/?t=0Expedicion costeira
Entre os 20 participantes de toda Galicia, había unha importante delegación da Costa da Morte formada polos xornalistas por Rafael Insua (patrón de Fisterra), Kuka Sar (teniente alcalde de Fisterra), Primitivo Pedrosa (patrón de Muros), MIlucho Louro (candidato á alcaldía polo BNG de Carnota) e os xornalistas Pepe Formoso (Radio Nordés-Cadena Ser e Ubaldo Cerqueiro de QPC.
O propio Primitivo Pedrosa explicou que un dos problemas na xestión dos fondos europeos radica na excesiva burocracia que se lles esixe, o cal lles imposibilita en moitas ocasións cumprir cos prazos estipulados. A respecto da entrada en vigor da Lei de Desembarco, o 1 de xaneiro do vindeiro ano, Pedrosa destacou que se trata dun problema engadido para a pesca artesanal, que debe ser diferenciada da pesca industrial. “Pero a Dirección Xeral de Pesca da UE non é quen de solucionar este problema, senón que depende dos Estados Membros”, apuntou. “A pesca artesanal, desde que entramos na Unión Europea, non existiu para ningún goberno, e agora seguimos sen existir, xa que toda a normativa que se está aplicando está orientada á pesca industrial, tanto polos descartes como polos TAC’s. Deixaremos de existir se isto segue así”, denunciou.
Mañá traeremos unha completa conversa sobre as conclusións da viaxe.
Milucho Louro, Kuka Sar, Primito Pedrosa e Rafael Insua