Venres. 29.03.2024
El tiempo

2006: Mazaricos, A “Serna” da Galicia Eterna

2006: Mazaricos, A “Serna” da Galicia Eterna
Esta semana, a entrega que Suso Jurjo, o técnico de Cultura do Concello de Mazaricos, fai polas redes sociais, vén en clave audiovisual. Unha documental que cumpre 10 anos pero que se mantén perfectamente vixente. Lede a súa historia antes de darlle ao play e gozar de 10 minutos do máis puro rural galego.

2006: Mazaricos, A “Serna” da Galicia Eterna

A Asociación Cultural Eu Son Mazaricos esta producindo unha serie de pequenos e moi interesantes documentais, magnificamente realizados pola nosa veciña Carmen Rey, que nos ilustran sobre as diferentes realidades do Concello de Mazaricos. Neste contexto, hoxe aquí, quero lembrar un vídeo editado hai dez anos que, a pesar dos seus evidentes valores, tivo moi pouca difusión. No 2006 celebrouse no Polideportivo da Picota, arranxado adecuadamente, a gala de entrega dos Dolmen de Ouro que tódolos anos organiza a Federación de Empresarios do Barbanza para premiar ás empresas máis punteiras da comarca do Barbanza e dos concellos de Outes, Muros e Mazaricos. Ao alcalde daquel momento, José Manuel Santos Maneiros, pareceulle moi axeitado producir un pequeno documental, duns dez minutos de duración, que mostrara os aspectos máis salientables de Mazaricos aos numerosos asistentes ao acto, arredor de 500 persoas, entre as que non faltarían as consabidas autoridades: o Conselleiro de Medio Rural, o Presidente da Deputación da Coruña, delegados provinciais de varias consellerías, alcaldes da comarca, directivos de Caixa Galicia,… Partindo dun guión que eu escribín, a realización do documental estivo a cargo de Antonio Picón Iglesias, un fotógrafo e “videógrafo” que xa fixera varios traballos para o Concello de Mazaricos. A gala estaba prevista para o 1 de setembro e cando nos puxemos ao choio xa estaba o mes de agosto empezado. Non había moito tempo e a maiores tíñamos outra dificultade. Estábamos metidos nunha das peores bagas de incendios da nosa historia. Unha historia terrible e suicida en calquera tempo, pero no verán do 2006 superáronse tódalas carcas. A calor e o vento, ademais de contribuír á propagación dos incendios, deixaron o resto da paisaxe reseca, sen vida. Había que ter moito coidado para onde se dirixía a cámara, pois tampouco era o caso de lle facer publicidade aos terroristas do lume. Salváronnos as vizosas ribeiras fluviais e o millo que, entre tantos negros, ocres e amarelos, tiña un verde esplendoroso. A rodaxe fíxose en dous días. Despois había que montalo e editalo. Para esta montaxe, ademais das imaxes seleccionadas da rodaxe, incluíuse unha secuencia dos entroideiros de Arcos desfilando pola Picota, pertencente a un documental realizado polo mesmo Antonio Picón en 1993. O apartado visual completouse con algúns gráficos elaborados por José Ramón Esperante Otero, axente de desenvolvemento local e técnico de emprego do Concello de Mazaricos. Ao guión que eu escribira púxolle voz Vanessa Cambeira Pérez, educadora familiar, profesora de adultos e animadora sociocultural deste municipio. Teño que lembrar tamén a dúas persoas que colaboraron no proxecto e que xa non están entre nós: Maria Lado Peña (miña madriña) e Manuel Ruibal Casais (señor Manolo do Muradán de Insua). Os dous, ademais de interpretarse a si mesmos nas imaxes introdutorias, representaron a un segmento importantísimo da nosa poboación: a xente maio; a verdadeira “serna” na que se conservan as esencias do pobo. Para a banda sonora escolleuse “O son do ar” e “A muiñeira de Mazaricos” de Luar na Lubre e “A punteada de Arcos” do Grupo de Pandereteiras Xiada da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos. Con relación a este último tema teño que salientar o acerto do realizador ao facer coincidir, no remate do documental, o paxaro mazarico do logotipo do Concello coa letra da composición musical que di aquilo de: “Pajarito volador, vuela pajarito, vuela cuanto más alto mejor” Co título escollido: “Mazaricos, a cerna da Galicia eterna”, quería dar a entender que no noso Concello aínda se conservaban os sinais de identidade da Galicia máis tradicional: a agricultura e a gandería coma fontes principais da nosa economía, a lingua, algunhas artesanías, certos costumes coma o Entroido que nos xunguen a tempos moi pretéritos,… O da “Galicia terna” é unha expresión da que gusto moito pero que, en realidade, non existe. Galicia está mudando tódolos días, agora e antes de agora. Para poñer dous exemplos de distinta índole: o que coñecemos por traxe galego non vai máis alá dos últimos anos do século XVIII, e cen anos despois xa tiña desaparecido en boa parte. Outro tanto podemos dicir da paisaxe: a principios do século pasado só había grandes masas de piñeirais na beiramar e o eucalipto era unha árbore que unicamente se podía ver nos parques das cidades e nalgúns xardíns privados. Hoxe son as especies máis comúns en todo o País. Seguindo coa autocrítica, hai un dato que está errado, Mazaricos constituíuse como Concello no ano 1836 e non en 1839, como figura no documental. E agora déixovos co documental. Coido que é un traballo moi digno, e máis se temos en conta o apresurado da súa realización e o baixo orzamento do que se partía, uns 300 €, nos que se incluían 20 copias en DVD axeitadamente estoxadas, rotuladas e coas súas cubertas correspondentes. [fbvideo link="https://www.facebook.com/100010770699454/videos/330347344000953/" width="660" height="400" onlyvideo="1"]  
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Novas relacionadas

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios