domingo. 15.12.2024
El tiempo

As dúas fundacións da Picota: A Taberna Vella e os Riolos de Carnota

As dúas fundacións da Picota: A Taberna Vella e os Riolos de Carnota
Menudo luxo viaxar pola nosa historia da man de Suso Jurjo. Hoxe lévanos dende as súas redes sociais ata a doble fundación da Picota.

As dúas Fundacións da Picota: A Taberna Vella e os Riolos de Carnota

Imaxe parcial dunha feira da Picota do ano 1994 coa casa do Riolo ao fondo-Foto-Antonio Picón Iglesias Imaxe parcial dunha feira da Picota do ano 1994 coa casa do Riolo ao fondo-Foto-Antonio Picón Iglesias Contan as vellas crónicas que a cidade de Bos Aires foi fundada dúas veces. A primeira no ano 1536 por Pedro de Mendoza ao fronte duns mil colonos, coa idea de atopar ouro ou prata nos arredores. Pasaron os anos e os prezados metais non apareceron. No ano 1541, decimados e cansados do acoso dos nativos , recolleron os lotes e marcharon na procura dun lugar máis axeitado aos seus intereses. Coa présa da marcha deixaron abandonado algún gando, vacún e cabalar, que ata ese momento contribuíra ao seu sostemento. No ano 1580 e dunha maneira máis institucionalizada, será Juan de Garay o encargado de fundar novamente a cidade do Prata. Fundación provocada pola necesidade que tiña o imperio español de lle dar saída por algún punto do Atlántico Sur ás inmensas riquezas do altiplano boliviano. Os novos poboadores puideron comprobar que os escasos animais que deixaran os seus predecesores, multiplicáranse prodixiosamente nos feraces campos arxentinos, e deberon pensar que, polo menos, fame non ían pasar. Así empezou a súa andaina unha das capitais máis prestixiosas do mundo, destino de tantos e tantos galegos que ao longo de catro séculos contribuíron ao seu engrandecemento. Salvando as distancias xeográficas, cronolóxicas e de escala, da Picota tamén podemos dicir que foi fundada dúas veces. A diferenza da metrópole sudamericana, a capital de Mazaricos non contou con ninguén que dera cadra deste feito. Non sabemos cando iniciou a súa singradura esta Picota anterior á actual. O que si sabemos é que no ano 1752 no interrogatorio para o establecemento da Real Única Contribución, á pregunta 23 sobre a existencia de propiedades do común na parroquia de Mazaricos, os seus fregueses contestan que contan cunha “taberna llamada PICOTA que arriendan sus vecinos y actualmente se halla en Domingo González vecino de San Julián de Beba, Jurisdición de Muros; en la cantidad de ciento y diez y siete reales, y satisfechos le regulan la cantidad de ciento setenta y cinco y a Dominga Rodríguez su tabernera treinta y la casa de taberna es particular”. Como dixemos, non atopamos información documental sobre a antigüidade deste establecemento, nin tampouco do cese da súa actividade. Os veciños do lugar da Picaraña aínda gardan memoria de ter oído falar da súa existencia en tempos moi recuados. Estaría situada, máis ou menos, onde hoxe está a casa de Tanexo e, ata non hai moito, esta paraxe era coñecida co nome do “PRADO DA TABERNA VELLA”. A casa do Riolo nos arredores de 1970 en Mazaricos A casa do Riolo nos arredores de 1970 A apertura deste tipo de establecementos por parte dos veciños tiña como obxectivo a recadación de cartos para axudar a pagar os impostos reais que debía satisfacer a parroquia. Como vimos no texto citado anteriormente, tíñana arrendada en117 reais anuais. Podemos preguntarnos se o lugar escollido, despoboado e situado nun estremo da freguesía, era o mellor para lograr as finalidades propostas. Na paraxe onde hoxe se sitúa A Picota cruzábanse, xa daquela, dúas vías de relativa importancia. O denominado Camiño Real ou Camiño Brieiro (verea, camiño vereeiro) cun trazado moi semellante ao da actual estrada que de Outes, pasando por San Lourenzo, conduce á Ponteolveira e máis alá: Corcubión, Muxía e A Ponte do Porto. A finca na que hoxe se sitúa a Ferretería Blanco aínda a nomeaban “O Prado do Camiño Real” cando, en 1953, o Riolo solicitou licenza para fechala cun valado de pedra. O outro camiño, de ámbito moito máis local, unía a parroquia de Mazaricos coa de Beba. Tiña unha importante bifurcación, xustamente onde estaba a taberna, con dirección á Picaraña e a outras aldeas das parroquias de Beba e Colúns. Precisamente neste último camiño, por onde está hoxe o Supermercado de Feiraco, encravábase xa dende antes de 1607 a capela de Santo Ildefonso. Unida a este culto relixioso celebrábase unha feira especializada en madeira e aprechos de labranza, con dúas convocatorias anuais: o 23 de xaneiro (festividade do santo) e o 9 de febreiro. Esta cita mercantil, despois de desaparecer a ermida nas primeiras décadas do século XIX, foi trasladada ao lugar de Insua nalgún intre anterior a 1846, onde se seguiu chamando a Feira do Santo aínda que xa non había santo para venerar . Damos esta data como referencia porque nese ano publicouse o “Diccionario de Pascual Madoz” que xa a sitúa nesta última aldea, manténdose neste emprazamento ata os anos setenta do século pasado. A xeneralización do uso do tractor e de tódolos seus complementos acabou con moitos artesáns da madeira e tamén coa Feira do Santo de Insua. Como vemos a paraxe escollida para situar a taberna, estando en despoboado, debía ser un lugar de paso habitual para moita xente. Nas súas inmediacións encontrábanse as parroquias de Mazaricos, Corzón e Beba, e as de Colúns e Chacín, sen ser limítrofes, non estaban lonxe. Podemos dicir que xa no século XVIII era un lugar cargado de futuro. Non sabemos cando fechou este establecemento, supomos que en tempos da francesada (1809) xa tería desaparecido. Por conversas con Manuel Ruibal Casais (Muradán de Insua) as tropas invasoras montaron unha cantina por onde está hoxe o Restaurante O Verxel, que os paisanos chamaban a baiuca, un sinónimo de taberna moi utilizado por aqueles anos. Esta última instalación, seguramente, non era máis que unha sinxela barraca de madeira. Se por aquel tempo aínda estivera operativa a Taberna Vella, o máis probable é que a aproveitaran. De tódolos xeitos, todos estes datos de transmisión verbal hai que tomalos con moita prevención. Son numerosas as ocasión en que os documentos botan abaixo as argumentacións orais mellor asentadas. Se a segunda fundación de Bos Aires estivo provocada pola creación de novas vías de comunicación que estruturaran axeitadamente o Imperio, da Picota podemos dicir outro tanto. Será arredor de 1923 cando empecen os traballos de transformación do vello Camiño Brieiro para convertelo nunha estrada, aínda que cativa, máis adecuada aos grandes retos do século XX. Coas promesas de mellora que traía a nova infraestrutura e pola centralidade que ofrecía A Picota con relación á totalidade do territorio municipal, chegaron procedentes de Carnota dous irmáns, avogados, coa idea de construír unha casa para fins relacionados coa súa profesión. Para lograr este obxectivo antes tiñan que atopar algunha persoa con terras na zona, disposta a venderlle a parcela que eles precisaban. Esta persoa apareceu, foi Soledad Jurjo, a nai de miña avoa paterna. Entre ela e seu curmán Benito Jurjo, pai de meu avó paterno, posuían a maioría dos terreos sobre os que se asenta A Picota. Outro día falaremos da orixe destes predios e da implicación desta familia no proceso evolutivo da Picota. A parcela adquirida estaba no punto en que se cruzaba a nova estrada co vello camiño que conducía á igrexa de Mazaricos. Entre os posibles, era un doas mellores lugares da contorna. Os dous irmáns compradores, Antonio e Domingo Figueira Lado, eran da casa do Riolo de Louredo da parroquia de San Mamede de Carnota. No pleno municipal do 11 de abril de 1924 dáse conta da solicitude que presentaron con anterioridade para “construír una casa de planta alta en el sitio llamado “Sino”, sito en Mazaricos y extraer materiales del monte denominado “Castro” a partir de Ponte Nova hasta la Legua de Beba”. O Monte Sino é o nome que se lle dá á valgada que descende en dirección ao val do río de Mazaricos. O Concello nomeou unha comisión para estudar a solicitude. A Antonio e a Domingo debeulle parecer moito o tempo de espera e o 15 de xuño do mesmo ano formulan unha nova solicitude na que ademais inclúen o feche da finca cun valado de pedra e a construción dun pozo. Na Comisión Permanente do 27 de xuño de 1924 concédenlle a licenza nos termos solicitados, “todo sin perjuicio de los derechos civiles de terceros”. Solucionado este atranco os dous irmáns debéronse poñer ao choio da construción da casa. A cuadrilla de canteiros encargados de materializar o proxecto foi a de Manuel Sambade García (Sambade de Mazaricos de Arriba) e, entre outros, tiña de operarios aos Ferreiros de Cabanude. Se nos fiamos dalgunhas testemuñas, a présa do primeiro momento foi perdendo velocidade alongando o proceso construtivo máis alá do normal. O feito de que os promotores cambiaran de plans con relación ao seu futuro profesional puido provocar que a obra estivera parada ata que atoparon unha solución. Todo isto vén a conto porque Francisco Carballo Caamaño (Carballa de Vilariño de Beba), nacido en setembro de 1927, lembra ter vido á Picota sendo rapaz pequeno (catro anos como mínimo) e ver a casa do Riolo aínda sen rematar. Se isto fora así non se lle poría o ramo á obra ata finais de 1931 ou principios de 1932. Tamén temos que ter en conta que a memoria pode ser moi traizoeira e máis cando lembramos cousas tan afastadas no tempo e, en principio, sen moito interese para un rapaz de catro ou cinco anos. Con relación ás expectativas profesionais dos dous irmáns en Mazaricos, deberon cambiar de idea e traspasáronlle a propiedade a seus pais, o matrimonio formado por Miguel Figueira Núñez e Carmen Lado Hermida. Deixaron o seu Louredo natal e trasladáronse á montaña, como dirían eles. Foron,conxuntamente cos seus fillos: Rita, Carmen, Laura e Miguel, os primeiros habitantes desta segunda xeira da Picota. Descoñecemos se alguén viviu aquí na primeira andaina. Na súa flamante casa nova abriron unha taberna que pretendía achegarlle aos mazaricáns as mercadorías das que xa gozaban nas grandes vilas. A sociedade á que abría as súas portas a taberna do Riolo era un mundo que producía a maioría dos bens que consumía; cun artesanado aínda moi vivo que o abastecía dos obxectos, agrarios ou do fogar, de uso cotiá. Unha sociedade que realizaba nas feiras locais a maioría das súas transaccións comerciais. As tabernas do mundo rural e esta taberna en particular, máis alá de despachar viño, augardente ou servir unha comida a algunha persoa de paso, tiñan pouca marxe de manobra: sal, pemento, aceite, café, azucre, garavanzos,… Agás o sal, imprescindible na matanza do porco e un pouco durante todo o ano e o pemento para facer os chourizos e algunha vez a caldeirada, os outros só se mercaban polas festas. Pero quizais unha das primeiras misións dun establecemento comercial era introducir necesidades que ata ese momento non tiveran os seus posibles clientes. Foi na casa do Riolo onde tivo lugar o primeiro nacemento documentado que houbo na Picota. O 18 de agosto de 1936 viña ao mundo Benito Formoso Figueira, froito do matrimonio composto por Laura (filla dos donos da Casa) e Benito Formoso Otero (o Vinculeiro de Arcos). Un rapaz que, practicamente, viu nacer A Picota e ao longo dos seus case que oitenta anos de vida, faleceu neste mesmo ano, asistiu a todo o proceso evolutivo deste núcleo de poboación que dende o primeiro alento tivo vocación comercial e de servizos. E nesas estamos. A casa do Riolo a finais dos anos noventa en Mazaricos A casa do Riolo a finais dos anos noventa Non quero rematar esta entrada sen facer referencia á posible orixe do nome do núcleo que nos ocupa. Tense apuntado e eu teño repetido numerosas ocasións a posibilidade de que a estrutura arquitectónica ideada para aplicar a pena capital aos reos dalgún delito durante as Idades Media e Moderna, a picota, estivera detrás do topónimo da capital de Mazaricos. Mesmo temos aludido que esta relación de causa e efecto puidera estar provocada polas decapitacións que o exército napoleónico levou a cabo sobre algúns dirixentes das revoltas contrarias á ocupación francesa destas terras no ano 1809. Decapitación que a tradición sitúa, precisamente, na paraxe despoboada que por aqueles anos era A Picota. Dende hai algúns anos sabemos, como se pode comprobar neste artigo, que non foi así, xa que, polo menos dende 1752 este lugar era coñecido polo nome que perdurou ata os nonos días. ¿Podía haber unha picota nesta paraxe con anterioridade a esta data? Todo é posible, pero mentres non atopemos documentación que o acredite temos que darlle a razón a Fernando Cabeza Quiles (Os nomes da terra. Toxosoutos. 2000) que relaciona a orixe do noso topónimo co nome do monte que coroa esta poboación: o Picoto. Se fora así, Picoto e Picota referiríanse ao remate en pico do monte que ten o seu curuto por onde está, aproximadamente, o depósito da auga. Aínda que este suposto remate en aguillón, pola erosión ou pola acción do home, tería perdido o seu aspecto orixinal. No apartado gráfico ofrecemos, algo minguada de calidade debido á ampliación excesiva, unha vista da casa do Riolo de arredor de 1970. No primeiro plano podemos ver as estruturas arquitectónicas compostas de beirarrúas, varandas, bancos e xardineiras que acoutaban os dous campos da feira ata 1986. A primeira foto é dunha imaxe parcial da feira de 1994 coa casa do Riolo ao fondo. Rematamos co aspecto que tiña esta mesma casa a finais dos anos noventa, cando xa fecharan a tenda e antes de que construíran o soportal que ten na actualidade.  
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Novas relacionadas

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios