sábado. 14.12.2024
El tiempo

Da Peña de Ouro ao deserto de Marrocos… nun Seat Panda

4 mazaricans no deserto nun Seat Panda 2
4 mazaricans no deserto nun Seat Panda
Da Peña de Ouro ao deserto de Marrocos… nun Seat Panda

Por unha semana, cambiaron o céspede do campo do Pino do Val, pola area do deserto, para vivir unha experiencia “incrible”. Os xogadores do Mazaricos de 1ª Galicia José Ángel “Carreira”, Adrián Cives “Molinos” e Brais Canosa “Estalote”, e o delegado do equipo Adrián París, viviron a finais do pasado mes de outubro unha das aventuras da súa vida: O Panda Raid.

”Foi unha experiencia moi chula, foi algo dura, iso si, porque os coches algo fallaban, e ao chegar de correr tes que dedicarte a arreglalos, polo que durmimos pouco, pero buen”, recoñece Brais, con 2.000 km de dunas e pedras, de calor e polvo, ao lombo tras disfrutar dunha das probas máis esixentes do mundo, atravesando os arredores do pequeno deserto que Marrocos ten na fronteira con Arxelia.

Carreira e Molinos co dorsal 113 e Brais e Adrián París co 127, remataron este espectacular rally (os primeiros nunha espectacular 7ª posición e os segundos na nº24), e xa están en casa paladeando cada unha das adversidades ás que se enfrontaron. Pero a aventura vén de lonxe.

4 mazaricans no deserto nun Seat Panda
Di diante a atrás: Adrián Pose, Brais, Molinos e José Ángel

Dende a pandemia

Brais Estalote cóntanos como comezou a historia. “Todo comezou coa corentena. José Ángel, que é o que máis tira polo mundo do motor, tiña un coche listo para competir nos rallys de asfalto, pero chegou a pandemia e non puido. Así que como todo o mundo, buscamos un proxecto para facer os xuntos. Compramos un coche, e ás escondidas, quedábamos para ir amañando o coche, máis que nada para ter unha excusa para xuntarnos”.

Comezaron mercando senllos Seats Panda do ano 97, un en Ribadeo e outro preto de Lavacolla. E aí se puxeron a fuchicar. “Non foi doado que piden moito por eles porque son coches que están moi buscados, tamén para o campionato galego de coches clásicos”, explica.

Un día de carreira

Dificultades nas dunas de Merzuga
Dificultades nas dunas de Merzuga

Saían acompañados doutros equipos de Narón e Tomiño, en estrada ata Almería. Cargaron o maleteiro de cervexa, e algo de roupa (moita quedou alá), e a cruzar o ferri ata Nagor, onde empezaba a primeira das 6 etapas.

”Antes de saír almorzabas no campamento, e as saídas eran entre as 6:30h e as 10:00h. Tiñas un tempo para percorrer aproximadamente 300k, que tiñas que facer en 10 horas, e o que conta é o tramo cronometrado. Pero tamén hai sancións por chegar tarde aos controis, se tiñan que sacarche da area ca grúa…”
Non hai GPS, pois falamos dunha proba máis vinculada coa aventura e a orientación que coa velocidade. ”Dábanche un roadbook, con indicacións concretas rollo unha duna, unha árbore, e marcan un punto kilométrico parcial e xeral, e tes unha aplicación do móbil que funciona sen datos nin GPS, que vai marcando os kilómetros e o rumbo (os grados da dirección que ti levas pero sen marcar, como unha brúxula)”.

Certo que no medio da etapa podías parar a xantar cando quixeses pero algún día se lles foi das mans o asunto. “O primeiro día pasámonos do tempo, porque pensamos que íamos sobrados e paramos a comer o tempo que nos fixo falta, faltounos sacar os cubatas… pero despois complicábase a etapa e chegamos polos pelos e sancionáronnos, polo que despois houbo que remar. Senón, os compañeiros poderían ter entrado no podio perfectamente”, explica.

”Se ía todo ben ás 17.00h-19:00 da tarde chegabas ao campamento, e así sempre había algo… un par de horas endereitando as rodas, arranxando unha ballesta, poñendo balbulina do cambio, un amortiguador, o cárter… mil cousas… Aí a organización ten un camión onde podes comprar as pezas, que se van gastando, e hai mecánicos marroquíes traballando todo o día. Iso tamén foi unha experiencia, negociando cos bereberes, regateando, dándolle ben de cervexa e cigarros, e estando enriba para fixeran as cousas… Había cousas que facíamos nós e outros días pedíamos que nos axudaran, pero de feito, houbo un par de días que nos deitamos ás 3:00h e ao día seguinte erguerse ás 6:00…”

Rally Panda Raid

O valor dun boli

Parte da experiencia tamén é atravesar as pequenas vilas, verse asolgados dun mar de nenos que che piden calquera cousa, e ver en primeira persoa a pobreza extrema. “Si que o vives como un país con moitos contrastes. En tramos por Nador, arredor da fronteira, ves que todo é un negocio, todos te intentan enganar… E despois no deserto, non o imaxinábamos así. Les por aí que son nómadas, pero vivir aí… non hai nada, non sei como pode vivir así a xente”, sinala impactado.

”Atravesabas as vilas e ás veces era un perigo, porque aínda que eses tramos estaban controlados por radar, os nenos se metían polo medio e che pedían calquera cousa. A verdade aí si que nos sentimos mal, porque o que máis nos pedían eran bolígrafos, macho… Se volvemos si que levaríamos material dese tipo, porque non ocupa, non supón un gasto, e ves que o agradecen. Era impresionante tamén ver que pedían simplemente auga, e viñan 10 nenos, dábaslle unha botella a un e non a bebía enteira, dáballe un traguiño pequeno a compartía co resto”, sinala sorprendido por esa solidariedade.

Sorprendeulles tamén a corrupción policial. “A nós nos trataban fenomenal, e no campamento había moita seguridade, pero vías como tratan á xente de alí…”

Repetiredes?

”Pois a verdade é que era a primeira vez que iamos a unha carreira deste estilo, e por agora non sabemos. Para o ano non creo, pero despois seguro que algún si. Os 4 é difícil volver xuntarse pero seguro que algúns, sobre todo os que somos máis aventureiros e tiramos menos por correr que pola carreira, seguro que repetimos”.

 

Novas relacionadas

Comentarios