Domingo. 17.11.2019
El tiempo

De Bueu a Mazaricos: Dous fotógrafos na procura da realidade

De Bueu a Mazaricos: Dous fotógrafos na procura da realidade
Imaxe da Da serie Marineiros de Jose Suarez. 1934 Imaxe da serie "Mariñeiros" de Jose Suárez. 1934

O sorriso pillabán do neno ao que lle van mercar uns zapatos novos podería formar parte daquela mítica reportaxe que o soado fotógrafo galego JOSÉ SUÁREZ (1902 – 1974) lle fixo aos mariñeiros de Bueu en 1934, e na que aparece plasmado tamén o mundo infantil como poucas veces se fixo en Galicia. Uns rapaces que xogan, que observan o océano, que principian as súas responsabilidades no mundo da pesca arredor dos seus maiores, dos trebellos cos que desenvolven ese traballo e ese vivir do mar e para o mar.

O universo de Suárez nesta serie sobre os mariñeiros está recortada sobre os amplos horizontes da mariña; poboado de obxectos cargados de simbolismo laboral; de existencias na procura de certezas nun hábitat en permanente movemento; pero sobre todo de miradas limpas, engaiolantes, irónicas, expectantes, soidosas, tristeiras, desacougantes, cansadas,…

E todo axeitadamente enmarcado polas catro liñas do plano, nas que a composición, aínda que plena de beleza formal, ten os seus maiores valores no compromiso do autor co arriscado e digno esforzo pola vida dos fotografados, no forte sentido comunitario que posúen e no poderoso alento poético que transmite.

Imaxe da Da serie Marineiros de Jose Suarez. 1934 2 Imaxe da serie "Mariñeiros" de Jose Suárez. 1934

Pero esta fotografía aínda que pola súa calidade puidera estar realizada por José Suárez, é do fotógrafo compostelán Antonio Picón Iglesias que, durante os anos noventa do século pasado fixo varias reportaxes sobre o Concello de Mazaricos: unhas en cor e outras en branco e negro. Esta que mostramos hoxe forma parte dunha serie que fixo arredor da feira da Picota en 1993. Outro día con máis vagar tratarémola de maneira conxunta.

Mercando zapatos nunha feira da Picota de 1993-Foto-Antonio Picon Mercando zapatos nunha feira da Picota de 1993-Foto-Antonio Picon

Mais agora querémonos centrar na imaxe dos compradores de zapatos. Cun encadre perfecto que dirixe a mirada do espectador sobre esta composición que capta un instante fuxidío por definición. A pesar das pezas de calzado do primeiro termo e dos tres personaxes que fan avanzar a acción; sen ostentacións corporais, emerxe do fondo o sorriso satisfeito do destinatario dos afanes dos seus acompañantes.

O pequeno, nunca tan ben dito, está contento e feliz coma un neno con zapatos novos; e aínda que é o primeiro intérprete desta pequena historia, nada sobra: nin o mostrario arremuiñado aos seus pés, nin o ademán da vendedora demostrando que o zapato lle está ben ao raparigo, nin os anciáns mirando e atendendo os seus xestos e explicacións.

Nesta angueira os obxectivos dos dous fotógrafos eran semellantes: espreitar a realidade e recoller aqueles momentos cargados de significado, de simbolismo, de transcendencia. Procurando a beleza da forma pero sen esquecer que esta debe estar ao servizo dun contido onde o home coas súas pequenas ou grandes historias sexa o verdadeiro norte das imaxes resultantes. O uso do branco e negro, obrigado no primeiro e escollido no segundo, tampouco é alleo a esta busca do esencial. Moitas veces a sedutora beleza da cor distráenos co secundario e fainos marxinar o importante.

E aquí temos, ademais da mencionada vendedora, ao señor Antonio e á señora Venera do Xastre de Lago mercándolle uns zapatos novos ao seu neto Roberto nunha feira da Picota. Ás veces a arte, a pericia e a oportunidade vense acrecentadas pola sorte. Neste caso ata ese escorregadizo don veu na axuda do fotógrafo. Digo isto porque alá atrás, en profundidade de campo, recórtase a inconfundible silueta do Monte Aro; e precisamente o lughar de Lago no que viven os protagonistas mazaricáns da instantánea, esta situado ao pé desta elevación de lendarias resonancias bíblicas e de contundentes achados castrexos.

Van alá 25 anos, os laboriosos avós xa non están con nós, e aquel neno, duns catro anos, e agora un enxeñeiro agrónomo que traballa para que o agro en Mazaricos siga producindo riqueza e dispensando unha vida digna aos seus habitantes.

Quizais aquel emotivo sorriso captado por Antonio Picón en 1993, tamén estaba enchoupado dunha inmensa carga de esperanza que, con determinación, se proxectaba a un desexado e engaiolante futuro.

 
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

https://quepasanacosta.gal/aquelas-vellas-maseiras-de-pedra/

Comentarios