Venres. 29.03.2024
El tiempo

Esta si que é muiñada… no Muíño da Chanca, Asenso

Esta si que é muiñada… no Muíño da Chanca, Asenso
Volvemos percorrer a nosa tradición a través dos artigos que o bo de Suso Jurjo, técnico de cultural do Concello de Mazaricos, comparte nas redes sociais,

Esta si que é muiñada… no Muíño da Chanca, Asenso

Muíño da Chanca-Asenso-Foto-Xose Ramón Esperante Otero Imaxe do Muíño da Chanca-Asenso-Foto-Xose Ramón Esperante Otero “Fun ó muíño de nuite non moín nin muiñei, perdín a cinta do pelo eso foi o que eu gañei”. Os muíños de reducio, movidos pola forza da auga, xa eran coñecidos na Grecia Clásica e cóidase que non chegaron a Galicia ata a alta Idade Media. A súa progresión por todo o País iría da man da ampliación dos espazos cultivados e da intensificación da produción de centeo, trigo, aveas e millo miúdo durante o medievo. Xa na Idade Moderna, a introdución do millo americano e a maior rendibilidade das súa colleitas debeu incrementar o número de muíños, maiormente na Galicia occidental e nos grandes vales do interior. A alta densidade de poboación que sempre caracterizou o mundo rural, fixo necesaria a construción de moitos muíños. Os ríos máis ou menos grandes era normal que deran acubillo, conforme ían percorrendo as inmediacións de cada aldea, a un alto número de muíños. Pero ás veces, regatos de escaso caudal e non moi longos, alimentaban un verdadeiro enxame de muíños, formando agrupacións nas que a auga saía dun para meterse no seguinte, practicamente sen transición. En Mazaricos, sen chegar a esas densidades, podemos citar a título de exemplo o rego de Vadalaxe entre Vilarcobo e Castrelo con uns sete muíños, e o regato de Ribeiratorta con trece. Os galegos acostumados a tódolos esforzos do traballo e da vida, souberon sempre mitigar eses rigores convertendo as obrigacións en devocións e os traballos en divertimentos. Desa inmensa capacidade para encarar tódalas penalidades da vida con positiva alegría, nacen unha boa parte das nosas costumes tradicionais. Os nosos antepasados se eran capaces de transformar traballos tan duros como a recollida da herba seca, a construción do palleiro, as segas e as mallas nunha festa; que non farían con tarefas máis lixeiras como as esfollas, as espadelas, as fías ou as muiñadas que agora nos ocupan. Muíño da Chanca-Asenso-Foto-Xose Ramón Esperante Otero Imaxe do Muíño da Chanca-Asenso-Foto-Xose Ramón Esperante Otero Os muíños eran lugares de traballo pero tamén eran espazos de xuntanza para os veciños do lugar e sobre todo para a mocidade. Alí se reunían, moitas veces, ao abrigo da choiva e do frío nas longas noites invernais, para contar historias tremebundas, para acadrar cantareas e estornelas, para xogar e brincar ata que o corpo aguantara, ou para armar entroidadas, regueifas, ruadas e bailes. Neste sentido, houbo quen dixo que o nosa danza máis emblemática, a muiñeira, nacera arredor das muiñadas; aínda que hai outros investigadores que negan esta procedencia e xustifican o nome do baile polo parecido entre as voltas e reviravoltas da muiñeira e as da moa e o reducio do muíño. O relativo illamento no que se situaban, facía dos muíños lugares moi axeitados para os encontros amorosos, moitas veces concertados polos protagonistas pero, moitas outras, nacidos espontaneamente da proximidade, do ardor, da permisividade e da complicidade da que sempre gozou a xuventude. Os visitadores diocesanos, ano tras ano, deixaban constancia nos libros parroquiais da súa preocupación polas reunións nocturnas da xuventude nos muíños co pretexto de moer o gran. Para estes, tales costumes daban lugar ao incumprimento sistemático das normas de moralidade, constatándose infinidade de unións eróticas entre solteiros e, ás veces o que era peor, cometíase adulterio. En ambos casos, este proceder facía que aumentase o número de nacementos ilexítimos, xa bastante elevado. Imaxe do Muíño da Chanca-Asenso-Foto-Xose Ramón Esperante Otero Os visitadores eclesiásticos non debían andar descamiñados, pois o noso rico folclore popular deixounos moitas mostras e moi ilustrativas do que podía pasar nos muíños despois de abertas as esclusas que reprimían a forza da auga e as paixóns da carne: os reducios e as moas entregábanse a unha acción vertixinosa e os corpos buscábanse arremuiñándose na escuridade, iniciando un continuo movemento de concentración e dispersión que lograba trocar o duro repenicar don gran e a vigorosa erección dos músculos nunha donda e mol orballada. Dios cho pague churrusqueira, canto che hei de agradecer, cando vou ó teu muíño sempre me deixas moer” Os muíños, como estamos vendo, eran algo moi vivo e participaban de todo o universo mental do mundo tradicional galego. Muino da Chanca-Asenso-Foto-Xose Ramon Esperante Otero 2 Dominga Romero Pereiro no Muíño da Chanca-Asenso-Foto-Xose Ramón Esperante Otero Un dos poucos muíños que segue funcionando en Mazaricos é o do Maravexo de Asenso. Situado nos herbais da Chanca. A súa propietaria Dominga Romero Pereiro, con suma amabilidade, púxonolo a moer para que Xosé Ramón Esperante Otero fixera esta fermosa reportaxe fotográfica coa que ilustramos este artigo. A propia dona nos informou que, cando nos anos setenta do século pasado os seus veciños empezaron a mercar muíños eléctricos, na súa casa tamén estiveron tentados a facelo. Pero dar este paso significaría o abandono e a ruína dun muíño que eles construíran e que posuían en exclusiva. Ante este panorama e ademais contando, dentro da familia, con persoas moi capacitadas para efectuar calquera tipo de arranxo que precisara, decidiron renunciar ás modernuras e conservar vivo e activo o seu querido muíño da Chanca. O noso protagonista recibe o torrente acuático que precisa para facer o seu traballo do regato da Chanca para, despois da moenda, devolvelo ao rego. Outros muíños precisan un cubo, pero este, con un caudal moi estable durante todo o ano, non lle fai falla acumulador de ningún tipo. A auga entra xenerosamente pola canle e o reducio, ademais de virar e de facer virar á moa, séntese agradecido aos empuxes da auga e vaina despedindo coa graza dunha fonte barroca, descompóndoa nunha polifonía de formas de luz en continua metamorfose. O millo, depositado na moiega, descende polo seu propio peso á canadiña e de alí, grazas á vibración que lle transmite a tanxideira ao rozar coa moa, moi vagariño, gran a gran entrará no ollo, pasando ao dominio da pedra. E xa sen escapatoria, situado entre o pé e a moa: esta última “vira e vira e volve a virar” apreixando os grans ata que perdan a súa individualidade para, convertidos en fariña, saír polas fendas da pedra, mansamente, coma un resío de madrugada que vai tinguindo de amarelo e ouro a caixa do muíño. Así, golpe a golpe e volta a volta, vai dando conta do seu quefacer ata que a moiega queda baldeira. Só resta xuntar a fariña para o saco e ata outra muiñada. E falado da fariña aquí vos deixo outra cantarea: “Pensastes que eras o óleo da fariña peneirada, e non eras o relón daquela mal barutada” Deixamos o muíño da Chanca reiterándolle o noso agradecemento a señora Dominga pola súa colaboración e, sobre todo, por manter vivo un anaco da nosa memoria. Muíño da Chanca-Asenso-Foto-Xose Ramón Esperante Otero Dominga moe no Muíño da Chanca-Asenso-Foto-Xose Ramón Esperante Otero
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios