luns. 09.03.2026
El tiempo

8MZ: Mazaricos crea un selo propio e diferenciador polo Día da Muller

8mz
A iniciativa arrincou xa este venres coa colocación dun "8" mourado xunto ás letras corporativas que identifican o Concello no acceso principal á Casa Consistoria
8MZ: Mazaricos crea un selo propio e diferenciador polo Día da Muller

O Día Internacional da Muller ten este ano en Mazaricos un selo propio e diferenciador: 8MZ. A fusión do 8M coas siglas do concello (MZ) convértese nunha identidade visual que busca subliñar o compromiso do municipio coa igualdade e poñer en valor o papel das mulleres mazaricanas en todos os ámbitos da vida social, económica e cultural. A imaxe simboliza a unión entre a reivindicación global do 8M e a identidade local de Mazaricos.

Unha faixa, chaveiros e presenza na Festa do Bolo do Pote

8MZ no Concello de Mazaricos

A campaña de visibilidade complétase coa colocación dunha faixa (pancarta) cunha das fachadas do Concello, que permanecerá durante estes días como lembranza da conmemoración.

Ademais, elaboráronse chaveiros co logo 8MZ, que se distribúen entre as persoas e colectivos participantes nas actividades vinculadas ao 8M. Un destes chaveiros pode verse na imaxe que acompaña esta nota.

Pero o 8MZ xa comezou a estar presente en Mazaricos antes mesmo de marzo. Durante a pasada Festa do Bolo do Pote, celebrada o 1 de marzo na Picota, as Amas de Casa de Mazaricos luciron mandís de traballo co logo 8MZ, nunha imaxe que uniu tradición gastronómica e reivindicación feminista e que foi moi compartida nas redes sociais.

Amas de Casa e Concello de Mazaricos no Festa do Bolo do Pote
Amas de Casa e Concello de Mazaricos no Festa do Bolo do Pote co 8MZ

"O 8MZ é xa un selo de identidade"

O Concello de Mazaricos destaca que esta iniciativa pretende ir máis alá dunha campaña puntual. "Queremos que o 8MZ se converta nun símbolo que nos lembre cada día que a igualdade se constrúe desde o local, desde o noso, desde Mazaricos", sinalan fontes municipais.
"As mulleres están en todas partes deste concello: no campo, nas explotacións gandeiras, nos comercios, nas casas, na cultura, na tradición. Este 8MZ é por elas e para elas, pero tamén para toda a sociedade, porque a igualdade benefícianos a todos e todas".

Comentarios