Venres. 26.04.2024
El tiempo

Fotodesfeita: unha incursión arrasadora no camiño do Fieiro ao Monte Pindo

Fotodesfeita: unha incursión arrasadora no camiño do Fieiro ao Monte Pindo
Fotodesfeita: Incursión arrasadora no Monte Pindo dende o Fieiro- Fotos- AMPPN

Denuncia o Concello de Carnota e a Asociación Monte Pindo Parque Natural unha nova acción arradora no Olimpo Celta, aproveitando, aseguran, a falta de vixilancia coa que contaría o lugar de ser catalogado como Parque Natural. Trátase dunha incursión no Camiño do Fieiro, e "consistiu nunha tala indiscriminada e xeral do arborado que se atopa no paso arredor do sendeiro, o desprazamento e fractura de pedras moi voluminosas, e no total destrozo do camiño, agora impracticábel nalgúns puntos".

Ademais o atentado afectou os restos dunha muralla que os expertos estiman que poderían ter ata 1600 anos, e que debeu formar parte dun tipo de recinto fortificado descoñecido en Galicia que está en estudo. Esta muralla foi incluída no catálogo arqueolóxico do Concello de Carnota a instancias da entidade.

Os feitos están a ser investigados polo SEPRONA tras a denuncia do propioConcello de Carnota e dos axentes doDistrito forestal V ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, dirixida por Ricardo García-Borregón, que por certo é un dos responsábeis (xunto co propio conselleiro da CMATI Agustín Hernández) da declaración do Monte Pindo como Parque Natural.

Educación como prevención

E que mellor que educar para previr estas atrocidades. Así, dende o Concello de Carnota, Departamento de Cultura e Deportes, estase a ofertar unha nova actividade, para nenos e adolescentes a modo saídas didácticas e excursións aos enclaves máis significativos do noso concello, para divulgar os recursos naturais e fomentar actitudes de respecto cara ao medio.
Así, o pasado venres a saída foi ao Monte Pindo por Chan de Lamas, onde 18 nenos/as disfrutaron dunha fermosa tarde, escalando as rochas do Olimpo Celta, aprendendo a coidar a natureza e xogando ao aire libre. Chegados preto do Castelo, nunha fermosa cova, os rapaces atoparon a unha fada e un trasno. Qué gran sorpresa! Eles viven alí, así que lles amosaron a súa inmensa casa a todos os cativos e convidáronos a probar ricos doces feitos con productos naturais, das súas hortas. Amosáronlles tamén os recunchos do monte e xogaron con eles, pero chegadas as sete e media da tarde, despois de tres horas, os rapaces de Carnota tiveron que volver, pois os seus pais esperábanos abaixo. Despedíronse de “Duendelina” e a fada prometéndolle que volverán xogar con elas.

Todo, gracias ao traballo do eterno voluntario, Sven.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios