Venres. 03.05.2024
El tiempo

Hoxe, último día para apuntarse á Carreira do Leite MZ

Carreira do Leite 2022
Hoxe, último día para apuntarse á Carreira do Leite MZ
O Concello de Mazaricos recupera as súas tradicionais celebracións de despedida de ano logo de dúas edicións anuladas a causa da pandemia. Deste modo, a Carreira do Leite e o Brinde Leiteiro volverán reivindicar o corazón rural e o papel fundamental no sector lácteo que xoga Mazaricos, principal produtor galego.

A Carreira do Leite disputarase o sábado, 31 de decembro, a partir das 11 da mañá polas rúas da Picota. Poderán recollerse os dorsais dende as 10h na Casa de Cultura. Esta edición contará con catro categorías: xatiños (nados entre 2015 e 2018), becerros (entre 2012 e 2014), xovencas (2007-2011) e vacas (persoas nadas ata o ano 2006). A inscrición en calquera das catro categorías da carreira pode facerse online ata hoxe día 27.

Posteriormente, celebrarase o tradicional Brinde Leiteiro entre as persoas asistentes á carreira e todas as que queiran achegarse a participar. O brinde marcará un ano máis o compromiso de toda a veciñanza mazaricá co verdadeiro “ouro branco”.

Ademais, e dentro do programa de actividades de Nadal, o recinto feiral da Picota acolle este xoves dende as 4 da tarde unha festa para a rapazada con inchables, a visita do Apalpador, piñata e xogos infantís. A entrada é libre e de balde.

O intenso programa de actividades prosegue o domingo 1 co concerto de Aninovo da Coral Polifónica de Urdilde ás 18h, seguido dunha chocolatada con churros e do Baile das Persoas Maiores ás 19:30h co Dúo Élite. As tres actividades terán lugar na Casa de Cultura.

As actividades de Nadal péchanse coa Tractorada de Reis o día 5, que encherá de cor, alegría e ilusión as rúas de Mazaricos. 

Comentarios