Mazaricos contra o Gobernador Civil da Coruña: De cando na Picota había tres feiras cada mes



Unha feira cuns resultados tan positivos que, andando os anos, o Concello de Mazaricos empezou os trámites para ampliar a súa periodicidade. O 30 de abril de 1949 o veterinario municipal Ramón Castaño Rodríguez, a petición do Concello, emite un informe no que daba cadra de que “el régimen de mercados y ferias que vienen celebrándose en este término, no responde a las necesidades del mismo, ya que por haber variado sus centros de confluencia, por los nuevos núcleos y vías de comunicación, dichos mercados se hallan hoy desplazados con el inconveniente de que a ellos no acuden ni los productos ni los compradores”. Refírese o veterinario a posición excéntrica e mal comunicada das feiras da ROMAXE e da CHOUPANA. Recomendando que a feira do gando e outros produtos que “con lánguida y casi nula concurrencia se viene celebrando en el punto que dicen “Virgen del Monte” en la parroquia de Coiro, lugar apartado de toda vía de comunicación y emplazado en despoblado, el último domingo de cada mes, se traslade al lugar de La Picota y se celebre el sábado anterior al segundo domingo de cada mes”.
Con estes antecedentes o 7 de xuño do mesmo ano a Corporación Municipal presidida por José Romero Suárez (Romero da Picota), aproba o traslado coa salvidade de que no santuario da Romaxe se poida seguir facendo feira o último domingo de agosto, festividade da Virxe do Monte. Despois de publicarse nos medios e transcorridos os prazos que marca a lei, efectuouse o desexado cambio sen máis incidencias, e o 10 de setembro do mesmo ano 49 empezaba a súa andadura esta segunda cita transaccional que pomposamente o Concello denominou “O Feirón da Picota” para diferenciala da celebrada no cuarto sábado do mes.
E como non hai dous sen tres, así debeu pensar a Corporación que, case dez anos despois, quixo repetir a operación que tan ben saíra coa feira da Romaxe. Agora tocáballe a da Choupana. Todo comezou o 3 de maio de 1958 cando a Corporación dirixida por Silvestre Pérez Alvite (Cirolán de Suevos), decide cambiar o emprazamento e a data de celebración da feira da Choupana. Deste lugar da parroquia de Colúns pasaría Á Picota, e do luns posterior ao terceiro domingo de cada mes trasladaríase ao sábado anterior do mesmo domingo. Este acordo foi tomado por unanimidade e despois de cumprir os requisitos de publicidade, informar no Goberno Civil da Provincia e transcorridos os prazos que marcaba a lei para as posibles reclamacións, o Concello fixou a celebración deste novo encontro comercial para o 20 de setembro dese mesmo ano. A corporación para animar á xente e que fora á feira decide premiar con tres premios de 100 pesetas cada un aos asistentes que trouxeran o maior número de cabezas de gando para ser feireadas. Os gañadores foron Modesto Arcos González (Gonzalo de Pazos de Graíño) que trouxo 10 reses, José Rey Castelo (Corvo de Vilariño de Beba) que asistiu con 5, e Constantino Ramos Rodríguez (Bicoque, tamén de Pazos de Graíño) con 4 reses.
Despois destes principios tan esperanzados o 22 de setembro e con data do 19, dáselle entrada no rexistro do Concello a un comunicado do Gobernador Civil da Coruña no que fai constar a aprobación do traslado da feira sempre e cando teña lugar na data en que viña celebrándose na Choupana, o luns anterior ao terceiro domingo de cada mes. Os órganos de goberno do Concello non se pronuncian, dan a calada por resposta e seguen adiante cos seus plans cama se cantara un carro. Ante o silencio dos mandatarios mazaricáns o Gobernador Civil remite un novo comunicado o 13 de outubro no que reitera as condicións do anterior e ameaza coa Garda Civil no suposto de que non se atendan as súas ordes. Para contrarrestar estas ameazas o alcalde diríxese ao comandante do posto da Garda Civil de Outes responsabilizándose da celebración “del mercado de productos del campo, pescados, ganados, géneros, calzado,…” que foi aprobado pola Corporación en acordos “debidamente ejecutivos y firmes” en virtude do artigo 361 e seguintes da “Ley de Régimen Local”. Esta acción debeu causar o seu efecto e a feira prevista para o 18 de outubro celebrouse sen maior problema.
Despois desta primeira iniciativa a Corporación decide responder aos requirimentos do Gobernador Civil. O 22 de outubro remítelle un acordo tomado no Pleno do día anterior no que reafirma a legalidade das súas decisións, baseadas nunha serie de artigos da lei de Réxime Local e no feito de que en ningún momento foran “impugnadas ni suspendidas por la Presidencia ni por el Excelentísimo Señor Gobernador Civil dentro de los plazos marcados”. A maiores reitéranlle a necesidade da feira e da imposibilidade de celebrala na data que tiña na Choupana, xa que coincide cun dos mercados de Santa Comba. O 28 de outubro o Gobernador solicita do Concello as distancias que hai dende A Picota a Santa Comba e a Baíñas. Este último núcleo, do Concello de Vimianzo, era o que estaba na raíz do problema debido a que a nova feira da Picota coincidía cunha das de Baíñas. A esta solicitude non se lle dará entrada no Rexistro do Concello ata o día 30. Pero con anterioridade, o día 29, o alcalde remite un oficio ao Gobernador Civil no que reitera os argumentos anteriormente aludidos e a súa intención de non recuar de ningunha maneira das decisións tomadas. Chegando, se fixera falla, ata o Contencioso Administrativo para defender as súas accións. Ante tal eventualidade infórmao de que xa ten solicitado o ditame de dous xuristas, onde ambos manifestan que “no existe precepto legal alguno que limite la competencia del Ayuntamiento para tomar acuerdos como el que, en relación con la dicha feria y cambio de fecha de su celebración, ha tomado el de mi presidencia”. Toda unha declaración de guerra.
Naqueles tempos da Ditadura os alcaldes eran nomeados polos Gobernadores Civís, e facíano, entre outras cousas, para que obedeceran as súas ordes caladiñamente. En ningún caso para que se reviraran no xugo e deran problemas, e o Cirolán de Suevos estaba dando problemas. Despois dunha agre discusión, non sei se na Coruña, disque o Cirolán lle veu a dicir algo semellante a: “Ti goberna na Coruña que en Mazaricos goberno eu”. O alcalde foi cesado, aínda que de tal feito non atopei ningún documento que o confirme. Figura por última vez presidindo a Corporación na Comisión Permanente do 31 de outubro, na seguinte do 7 de novembro xa aparece como alcalde en funcións o tenente de alcalde: Manuel González Alvite (Manuel da Irmandade da Picota), que continuará neste estado de interinidade ata o 4 de febreiro de 1959 en que será nomeado para tal cargo José Fernández Montáns (Cabrexo de Beba).
Despois desta contundente demostración de forza, o Gobernador Civil quizais maxinou que todo se ía solucionar sen máis ordes e requirimentos conforme aos seus intereses, e a Corporación suspendería ou trasladaría a feira de data. Non foi así. A feira de novembro celebrouse sen maiores incidencias na data proposta dende un principio polo Concello, o terceiro sábado de cada mes. Cousa que non debeu gustar nada no Goberno Civil, porque máis alá do conflito de intereses que puidera haber coa feira de Baíñas e da forza que sobre tal asunto exercera o Concello de Vimianzo, a situación chegara a un punto onde un organismo absolutamente secundario se atrevía a cuestionar o poder e as decisións do primeiro órgano gobernativo da provincia. Neste sentido e sen mediar outro comunicado entre as dúas institucións, o 20 de decembro, data na que tiña que celebrarse a feira no último mes do ano, presentouse na Picota a Garda Civil de Outes e suspendeu a feira en “virtud de órdenes emanadas del Excelentísimo Señor Gobernador de la provincia”.

Temos que recoñecer que a pesar da intrasixencia dos tempos e da destitución exemplarizante do Cirolán, o resto da Corporación non se deixou intimidar e proseguiu polo camiño marcado polo anterior alcalde. Despois da devandita suspensión, celebrouse un pleno o día 31 de decembro no que se decide solicitar o ditame dun avogado que confirme ou non as teses defendidas polo Concello. O día catro de xaneiro recíbese do letrado de Santa Comba Celestino Novo Lema o esperado informe no que despois de facer un resumo dos antecedentes do caso e de aludir a unha serie de artigos e ordenamentos legais que agora sería moi longo tratar, deixaba ben claro que os Concellos tiñan todas as competencias sobre feiras e mercados, sen que teñan que depender en ningún momento nin do Gobernador Civil nin dos intereses de feiras limítrofes, sempre e cando a distancia entre elas fora igual ou superior a 15 km, como ocorría no caso que tratamos.
Neses días ten entrada tamén no Rexistro do Concello un acordo da “Hermandad de Labradores” de Mazaricos, presidida polo propio alcalde en funcións, no que se reitera o detalle dos 15 km e se solicita que o Goberno Local use todos os medios ao seu alcance para defender os seus intereses. Ao día seguinte, 5 de xaneiro, hai un novo pleno onde a Corporación decide “facultar, autorizar y designar” ao alcalde para que o Gobernador Civil “dicte resolución declarando no haber lugar a la suspensión de la feria” e se así non fora, invísteo dos poderes que fagan falla para elevar un Recurso de Alzada ante o Ministerio da Gobernación ou recorrer ao Contencioso Administrativo. Toda esta documentación que apoia as teses do Concello, conxuntamente cun escrito do alcalde no que reitera os argumentos do ente mazaricán, é enviada ao Gobernador Civil para que dite unha resolución que anule a suspensión da feira. Ante a contundente firmeza do Concello e a súa disposición a recorrer a onde faga falla, o Gobernador debeu ver as cousas mal paradas e con data do 20 de xaneiro de 1959 remítelle u oficio ao alcalde interino no que autoriza o traslado da feira sen ningunha limitación.
Esta vitoria confirmouse en pouco tempo que fora de escasa rendibilidade. Os mandatarios mazaricáns tíñanlle medo á competencia da feira de Santa Comba se mantiñan a da Picota na data en que se celebraba a da Choupana. Pero a competencia da feira de Baíñas tamén se deixou sentir, e se sumamos a esta incidencia o feito de que o radio de influenza da nosa feira non era nin é excesivamente amplo, e para o potencial número de feirantes, en contra do que pensaban os edís, chegábanlle as dúas feiras que xa había. Esta terceira cita mensual sobreviviu arredor de dous anos e despois desapareceu sen facer barullo, a diferenza do ocorrido nos seus inicios que estiveron cargados de expectativas e controversias de todo tipo.
- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo
- O CAP Finisterre: Un Transatlántico que facía a ruta das Américas nos tempos das grandes migracións
- O Alalá de Mazaricos nunha gravación histórica de 1928.
- A Ponte da Olveira: Unha recuperación necesaria.
- No tempo das vodas: Un contrato de dote do ano 1715.
- Dos toxos que visten de ouro os nosos montes e da súa importancia na agricultura tradicional.
- Unha pequena historia do servizo de Correos na Costa da Morte ata finais do século XIX.
- O Camiño pasa por Mazaricos.
- O proceso de creación dos concellos actuais. Algúns exemplos da Costa da Morte.
- Un muíño na escola.
- Na Feira das Bestas de Mazaricos.
- A creación da Casa do Concello de Mazaricos.
- O Cruceiro do Sicho dos Outeiros:
- Recuperando as casas máis antigas de Mazaricos.
- Suso Jurjo recupera a Marqueta, un xogo popular de Mazaricos.
- O carballo do Adro de San Cosme de Antes.
- Esta si que é muiñada… no Muíño da Chanca, Asenso.
- Unha viaxe histórica ao Entruido de Mazaricos.
- Francisco Suárez Salgado, un mazaricán ao servizo do rexionalismo tradionalista.
- De carballos e de carballeiras.
- 1965: Mazaricáns en Hannover.
- A Asociación de Amas de Casa: 25 anos ao servizo das mulleres e do Concello de Mazaricos.
- Unha corredoira do lugar de Campelo.
- O Cruceiro do Ciroláns de Suevos.
- As dúas fundacións da Picota: A Taberna Vella e os Riolos de Carnota.
- 2006: Mazaricos, A “Serna” da Galicia Eterna:
- A patria é a terra e mais os mortos.
- A nova misa do Cura de Ghirra no Mazaricos de 1965.
- Os Mariño de Lobeira e o gando bravo dos montes da Ruña e do Pedregal do Pindo no século XVI.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos.
- Houbo suevos en Suevos?.
- As mallas da miña infancia. Golpe na eira que hai malladeira.
- O antes e o agora do primeiro coche do Riolo.
- Os 15 votantes nas eleccións ás Cortes no Mazaricos de 1836
- As Feiras da Picota nos anos 50.
- O Cine Vello da Picota.
- Segando en Mazaricos aló polo século XVIII.
- Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido.
- Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello.
- A historia da construción da Casa Consistorial de Mazaricos.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC.