Mazaricos convoca unha nova edición do Concurso de Fotografía para o Calendario 2024 do Concello
O Concello de Mazaricos vén de convocar unha nova edición do seu Concurso de Fotografía para o Calendario do ano que vén. A edición de 2024 volverá contar con fotografías de particulares que recollan lugares destacados do territorio municipal.
As bases do concurso foron publicadas na páxina web municipal. As fotografías, ata un máximo de dúas por participante, deben enviarse ao enderezo [email protected], xunto cos datos da persoa concursante. O prazo de presentación remata ás 23:59h do 31 de outubro.
As fotografías a concurso deben estar realizadas dentro do municipio de Mazaricos, recollendo paisaxes ou elementos situados dentro do termo municipal, incluíndo gando e animais domésticos, edificacións, conxuntos patrimoniais ou outros elementos. Non poden aparecer persoas recoñecibles nin constituír o elemento central da imaxe. As fotografías deben ser orixinais e non atoparse xa publicadas en redes sociais.
Pechado o prazo de envío de imaxes, procederase a unha votación a través de reaccións en facebook. As fotografías que acumulen máis gústames serán as escollidas para integrar, unha ligada a cada mes, o Calendario municipal. Cada fotografía recollerá o lugar onde foi feita e citará o nome da persoa que a realizase, quen terá dereito tamén a unha copia do calendario enviada ao seu lugar de residencia, tanto dentro como fóra de Mazaricos.
As imaxes poderán posteriormente ser reproducidas, exhibidas e transformadas por parte do Concello, respectando e recoñecendo a autoría.