Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Mazaricos: O pasodobre composto por Manolo González Otero e cantado por Ana Kiro

Mazaricos: O pasodobre composto por Manolo González Otero e cantado por Ana Kiro
https://www.facebook.com/100010770699454/videos/668053886896962/?t=3 Esta fin semana é a Romaxe da Virxe do Monte. Unha das festas con máis tradición de Mazaricos e, quizais, a que está máis enraizada entre a nosa xente. Despois de tantos cambios acontecidos nos últimos cincuenta anos en tódolos eidos da vida, segue conservando os sinais de identidade das vellas romarías: o traslado dos santos á capela, as misas multitudinarias, os gaiteiros, a banda de música, as improvisadas cantinas para refrescar a sede de agosto, os postos de venda das máis variadas mercadorías, a procesión cargada de sentido comunitario, a fonte de augas milagreiras, os xantares e merendas dos romeiros despois dos actos relixiosos e das bailas de mediodía, a verbena nocturna onde a mocidade é a verdadeira protagonistas, e moito, moito lume nos foguetes de artificio e nos incansables corpos da xuventude. A Romaxe non perdeu ningún dos seus atractivos tradicionais, senón que gañou impulso e máis proxección coa incorporación dos actos festivos da véspera: a procesión dos santos dende a igrexa de Coiro ao santuario, a misa de chegada, o xantar pensado para agasallar a colaboración de tódolos veciños da freguesía, pero no que pode participar toda a xente que o desexe, e como non, música e máis música. Estas e outras actividades lúdicas complementarias son froito do traballo da mocidade que, unida na ASOCIACIÓN XUVENTUDE DE COIRO, non só organiza con inusitado éxito tódalas festas de Coiro, senón que tamén son responsables doutras propostas culturais e de lecer que dinamizan a vida comunitaria da parroquia. Eu hoxe dende aquí quero contribuír á promoción desta celebración lembrando unha canción na que A Romaxe ten un papel moi principal. Este que escrebe sempre intentou estar moi atento a todo o que relacionado con Mazaricos puidera aparecer en calquera formato: libros, artigos, fotografías, discos,... As pescudas nunca foron moi frutíferas, aínda que ás veces, inesperadamente, soaba a frauta onde menos cabía esperar. Que unha cantante da fama e popularidade de Ana Kiro sacara un tema no que Mazaricos era o protagonista, supuña unha gozosa revelación. E iso foi o que ocorreu en 1992. A cantante de Arzúa gravaba unha casete que tomaba o título dun dos temas que a conformaban: A FLOR DE TOXO. Entre esas pezas, a 3º da cara A, era un pasodobre que levaba o nome do noso Concello: MAZARICOS. Ana Kiro (1942 – 20109) non precisa presentación, foi e segue sendo a cantante galega máis querida e apreciada pola xente do común; cunha longa traxectoria que abrangue a edición de corenta discos, dos cales o que nos ocupa é o número trinta e dous. A pesar da indiferenza da intelectualidade que tachou o seu traballo como unha folclorada; cos seus temas frescos, sinxelos e directos; de melodías moi pegadizas apoiadas nunha potente sección de vento- metal; levou a música galega a públicos aos que, por aqueles tempos, non chegaban autores supostamente máis innovadores e comprometidos. A Ana Kiro tampouco lle faltaron os compromisos, principalmente coa lingua e coa calidade interpretativa das súas cancións, onde o brillo e a mornura da súa voz eran fundamentais. Ademais do pasodobre do que seguiremos falando máis adiante, houbo outro vínculo de Ana Kiro con Mazaricos. A apertura da Sala de Festas do Pino de Val en 1976 supuxo un importante incentivo para o progreso do pobo. Os seus donos Manuel Rey Bermúdez e María Perol Barbazán sempre se preocuparon por ofrecer unha programación de calidade. E aquí entra a cantante de Arzúa que, dende 1978 e durante cinco ou seis anos consecutivos, daba un concerto co mellor do seu repertorio o día de Reis; converténdose en todo un clásico dos Nadais mazaricáns daqueles anos. Pero quen había detrás deste tema musical? Hai intérpretes que compoñen as súas propias cancións, pero este non era o caso de Ana Kiro. O pasodobre MAZARICOS, tanto a música como a letra, foron creadas por MANOLO GONZÁLEZ OTERO. Este veciño de Mazaricos, coñecido entre nós polo CEGO DE FORNÍS, naceu en 1950 nesta aldea da parroquia de Coiro. Con seis ou sete anos diagnosticáronlle un glaucoma. A pesar dos esforzos da familia, mesmo viaxando á sonada consulta do doutor Barraquer en Barcelona, nada se puido facer e con oito anos, o 2 de febreiro de 1959 perderá a vista totalmente. Esta situación que sempre é unha desgracia, podía supoñer a súa total marxinación. Mais a aguda intelixencia da que dou mostras dende moi pequeno e a responsabilidade da súa familia, procuráronlle unha formación axeitada ás súas condicións. En outubro do ano 1962 ingresa no colexio da ONCE “Apostol Santiago” de Pontevedra. Alí fará os seus primeiros estudos ata que se traslada a Madrid para cursar o bacharelato. Posteriormente, e xa en Santiago de Compostela, realizará a carreira de maxisterio. Conseguido o título de mestre, a partir de 1974 impartirá clases en diferentes centros que a ONCE tiña polo territorio español: Palma de Mallorca, Sabadell, Alacante, Madrid; para rematar a mediados dos oitenta no colexio pontevedrés no que iniciara a súa formación, e no que se xubilará. Arredor do ano 2007 traslada a súa residencia a unha casa que xa fixera con anterioridade na Espiñareira (Coiro), na que falecerá aos 63 anos en 2014 Máis alá das súas responsabilidades como docente, foi un narrador e poeta consumado, con numerosa obra dispersa pola rede, Participou con moito éxito en numerosos programas de radio contando historias que el mesmo escribía. Mais se hoxe falamos del aquí é polo seu labor de músico e compositor. Dende a súa viaxe a Barcelona polos motivos de saúde que antes expuxemos, quedou engaiolado pola música: a visión dunha película de “Joselito” e o descubrimento da radio provocaron definitivamente o seu amor por esta arte sonora Cando retornou a Fornís converteuse nun asiduo visitante das dúas casas que por aqueles días xa tiñan este trebello no seu lughar, a do Duque e a de Patricio. En pouco tempo viñeron máis radios, entre elas a do obradoiro de zapateiro de Xosé do Crego, alí pasou moitas horas debido á liberdade que o zapateiro lle dispensaba para manexar o dial ao seu antollo na procura dos seus programas preferidos. Desas sesións radiofónicas o que máis o atraía era a música de acordeón. Xa en Pontevedra, onde recibiu as súas primeiras leccións de solfexo e manexo dun instrumento, empezou a tocar o acordeón, converténdose polo resto da súa vida, no seu eterno compañeiro. Foi un magnifico acordeonista, ofrecendo numerosos e gabados concertos ao longo da súa traxectoria vital. Cando compuxo o pasodobre Mazaricos non era a primeira vez que se enfrontaba ao pentagrama en branco. No ano 1985 gravou un disco, RECUERDO FLORIDO, onde interpretaba temas alleos. Mais dous anos despois, en 1987, sacaba un novo álbum: MANOLO GONZÁLEZ. ACORDEÓN; no que, entre outras pezas, incluía seis da súa propia autoría: “Duende del Generalife”, Corazón bohemio, Leña verde, Romaxes de Mazaricos, “Garbo y tronío” e Ai Saturio. Posteriormente creará o tema que nos ocupa hoxe: MAZARICOS. O noso veciño compuxo unha música que quita o alento; cunha estrutura perfectamente encadeada, da que sobresaen as pasaxes nas que a orquestra queda soa nun in crescendo arrebatador. Hai poucos pasodobres que posúan un ritmo tan repleto de brío,, tan enchoupado de vivacidade, e cunha ledicia tan intensa e desbordante. A diferencia de outras pezas do mesmo autor, Manolo González, púxolle voz a esta música escribindo un poema no que se mesturan as soidades dunha emigrante que está lonxe de Mazaricos, lembrando a súa beleza ou a ledicia das súas festas; cos desexos de que a Virxe do Monte protexa a tódolos mazaricáns e interceda para que poidan retornar os que están fóra ao lugar que os veu nacer. O texto é como segue:

MAZARICOS Onde os homes se encadean á morriña e as mulleres súan bágoas de tristura, foi creado Mazaricos, terra miña, con mosaicos de nobreza e fermosura. Paraíso virxinal da natureza, cadro verde, que no ceo espellea, onde é doado perder a cabeza por un mociño de calquera aldea. Cando en terras de fóra lembro as túas festas, un regueiro de bágoas derramo por ti, porque voar quixera para chegar a elas, e na Virxe do Monte cantarche así:

RETROUSO Mazaricos, Mazaricos, fogar bendito do Olimpo Celta, traio moreas de bicos prás túas xente e prá miña terra. Miña Virxe da Romaxe, que por nós velas no alto do monte, pídelle a Deus que sempre nos axude, pra que os teus fillos volvan con saúde, ledos á casa que deixaron onte.

II De esperanzas e ilusións coa alma chea, cun entullo de lembranzas no meu peito, xa de nena abandonei a miña aldea, decidida percorrer o mundo a eito. Fun por mares, pobos, vilas e cidades, espetando sentimentos de amargura, rubricados con morriñas e soidades por Mazaricos que é a gloria pura. Berce dos meus antergos, non podo esquecerte e, de calquera punto lémbrome de ti, cando lonxe me atopo eu morro por verte e na Virxe do Monte cantarche así: RETROUSO...

Como podedes comprobar, a letra, a pesar de estar cargada de lugares comúns que xa temos oído e lido centos de veces referidos a Galicia en xeral ou algún lugar concreto en particular; non deixa de resultar suxerinte e agradable que sexa o noso anaquiño de País o obxecto de tan fermosas gabanzas, esplendidamente cantadas e ata recitadas por Ana Kiro. Desta mesma peza, Manolo González compuxo unha versión para acordeón sen letra, que leva por título MAZARICOS TERRA MIÑA e que se atopa entre os temas máis interpretados e gravados polos acordeonistas de todo o estado. Despois daquelas numerosas actuacións de Ana Kiro na Sala de Festas do Pino de Val, coido que non volveu cantar no noso Concello ata o 24 de xuño de 1997. Contratada pola Comisión de Festas da parroquia de Mazaricos formada por Francisco Rey Caamaño, Daniel Rodríguez García, Francisco Del Rio Senra, Ramón Otero Otero, Jesús Moledo Antelo e José Luis Atán Jurjo. Naquel día de San Xoán na Picota, a gran dama da canción galega puido presentar, en vivo e en directo, diante de miles de mazaricáns o xa sonado pasodobre. Ademais de ofrecervos a canción que nos dou pé a esta xa longa “palabrería”, quixen ilustrala cunha serie de imaxes representativas dos valores paisaxísticos e humanos enxalzados no tema, e do desenvolvemento da romaría da Virxe do Monte, protagonistas dos versos escritos por Manolo González e cantados por Ana Kiro. O resultado é o vídeo que complementa este texto. Para a súa realización escollín fotografías de diversos autores e épocas. O grupo máis numeroso está composto por quince imaxes feitas por José Ramón Esperante Otero, moi simbólicas de distintos aspectos do noso Concello. Completan esta sección oito fotos miñas e cadansúa de Xoán Ramón Alvite Alvite, Sara Torreiro e Manuel A Ferreiro. Das magníficas reportaxes que ilustran a actividade da Asociación Xuventude de Coiro, realizadas por Jorge Antelo Carreira, escollín nove que plasman as celebracións da Romaxe e unha da verbena do Anxo da Garda. Neste grupo incluín tamén unha das inmediacións da capela da Virxe do Monte e outra da zona de cantinas e postos de venda, pertencentes a un fondo que posúe o Concello de Mazaricos. O vídeo remata coas portadas de dous albumes musicais: a primeira dun disco de Manolo González que plasma a súa figura tocando o acordeón, e a última coa carauta da casete A Flor do Toxo de Ana Kiro. En total corenta fotografías que intentan, non sei se o conseguen, complementar a mensaxe sonora deste representativo pasodobre. Teño que agradecerlle aos seus autores a existencia de todo este repertorio de imaxes que saen no vídeo. Tampouco podo esquecer a sempre óptima colaboración de José Ramón Esperante Otero (JR Esperante ou José Ramón do Creguiño de Sanfoga). El foi o responsable da montaxe do vídeo unindo a selección de fotografías coa banda sonora; para o que antes tivo que capturar a canción da miña vella casete de 1992.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios