Descuberta unha nova cabana, a oitava, no castro das Barreiras

A Costa da Morte continúa descubrindo a súa riqueza. Un dos últimos traballos arqueolóxicos estáse a levar a cabo no castro das Barreiras, en Vimianzo, que campaña tras campaña continúa ofrecendo sorpresas arqueolóxicas. Na última escavación, desenvolvida ao longo das últimas semanas, realizouse unha nova ampliación da zona visitable co obxectivo de facilitar a comprensión do xacemento por parte das persoas visitantes.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, participaron onte nunha visita guiada da man do responsable dos traballos, Tito Concheiro, que explicou en detalle os últimos achados realizados.
“Durante os traballos centrámonos nunha cabana de grandes dimensións que xa fora parcialmente escavada en campañas anteriores”, explicou Concheiro, “e nesta ocasión puidemos documentar unha estrutura anexa, con restos de madeira, que podería corresponder a un soportal ou unha área de traballo”. A súa función aínda está por determinar, pero a súa presenza amplía novamente as prácticas da vida cotiá no castro.
Como vén sendo habitual, o último día da escavación apareceu o muro dunha nova cabana, un achado que confirma a existencia dunha nova construción dentro do castro, que sería a oitava. “Con este descubrimento sumamos unha estrutura máis a un conxunto xa de por si excepcional pola súa densidade e complexidade construtiva”, destacou Concheiro.
Xunto aos achados estruturais, tamén se recuperaron numerosos materiais de interese: cerámica decorada, útiles de ferro, fragmentos de muíños de man... elementos que reforzan a idea dunha comunidade na que a agricultura tiña un papel fundamental na vida diaria.
Concheiro puxo en valor a importancia do castro “un dos máis ateigados de construcións de todo o noroeste peninsular, un lugar único que cada ano nos conta algo novo”. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, salientou a importancia “de seguir descubrindo novos elementos que demostran a excepcionalidade do castro das Barreiras, que está a consolidarse como unha para indiscutible para todas as persoas que se achegan a Vimianzo”.