As xornadas 'Muros Mira ao Mar' inclúen unha mostra de embarcacións tradicionais

Esta fin de semana chega as XX Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar” 2025 cun completo programa no que haberá mercado, concursos, obradoiros, showcookings,... e tamén unha mostra a flote de 20 embarcacións tradicionais de diferentes tipoloxías representativas das nosas costas, desde as Rías Altas ata as Rías
Baixas.
Esta mostra corre da man da Asociación Cultural “Mar de Muros” que levará a cabo unha serie de actividades como xornadas de navegación tradicional ou visitas guiadas ás embarcacións e á Mariña Tradicional de Muros- Mardevelas. A primeira destas visitas terá lugar hoxe hoxe ás 17:00 horas; o lugar para inscribirse é no punto de encontro da mariña, no porto de Muros. Igualmente, durante o sábado e domingo haberá visitas no seguinte horario: 10:30, 12:00, 17:30 e 19:00 (o domingo tamén ás 20:30). As visitas son de balde.
Onte xa tivemos un adianto desta mostra co izado de velas.
Estas actividades forman parte da programación anual de Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) e están apoiadas polo Concello de Muros e subvencionadas pola Deputación da Coruña.