Mazaricos recupera a súa Semana Gandeira
A semana do 28 de novembro ao 4 de decembro, Mazaricos volverá converterse na capital galega do sector gandeiro. Volve a Semana Gandeira, logo do parón pandémico, e volve con concursos, sesión vermú, exposicións, visitas escolares e a famosa poxa de gando frisón.
Un evento que ademais aglutina a toda a veciñanza dun Concello adicado integramente a este sector, sendo o primeiro produtor de leite do país e referente a nivel estatal pola calidade morfolóxica do gando.
Concelo, Africor-Coruña e a Asociación Gandeiros de Mazaricos unen forzas para facer desta 14ª edición todo un éxito.
A famosa poxa
A poxa xunta cada ano algúns dos mellores exemplares de Galicia, rexistrando prezos moi importantes e un grande volume de negocio. Este ano, calcúlase que serán unhas 25 vacas as poxadas. Dende a organización da Semana Gandeira salientan a enorme calidade dos animais á venda, o que anticipa, sumado aos dous anos de paréntese, cifras históricas para a poxa.
Xornadas técnicas
Este ano, a Semana Gandeira chega tamén ao mundo virtual coa organización dunha mesa redonda baixo o título “Situación actual e perspectivas de futuro do sector lácteo”. Ademais, e e co obxectivo de achegar as novas xeracións ao sector gandeiro, durante a semana produciranse visitas de escolares mazaricáns a granxas e industrias leiteiras de toda Galicia.
Exposición e festa
Xa o sábado 3 de decembro, terá lugar a exposición agraria e de servizos dende a mañá. Amenizará a xornada a “Gran Sesión Vermúuuuuu” e a actuación da recanteira Ara Nieto, que este ano conquistou o concurso Recantos do Luar, na Televisión de Galicia. Estará acompañada pola Orquestra Principal. As primeiras 1.000 consumicións para as persoas asistentes serán gratuítas. Ao día seguinte terá lugar a tradicional poxa, que un ano máis servirá como homenaxe ao impulsor do evento, José Moreira. Durante a poxa sortearanse máis de 2.000 € en premios entre todas as persoas asistentes.
Dous concursos de Fotografía e gastronomía
Esta edición conta con dúas importantes novidades, como son senllos concursos dirixidos a toda a veciñanza. O primeiro deles é un Concurso de Fotografía por Whatsapp sobre a temática A gandería de Mazaricos. As fotografías deben enviarse ao 696 330 966 antes do 28 de novembro. As persoas participantes poderán gañar ata tres ceas (para 6, 4 e 2 persoas respectivamente) na hostalaría local, ademais dunha cuarta para a fotografía máis votada en Facebook. A entrega de premios terá lugar o sábado 3 de decembro ás 16h no Recinto Feiral da Picota.