Mazaricos recuperou a súa festeira Carreira do Leite e o seu Brinde Leiteiro para despedir o ano
Na categoría Vacas (adultos), a carreira saldouse co podio de Christian Danis Castro, Arturo Benigno Ramos Ferrol e Lucas Ramos Mouro (masculino) e Rocío Alvite Ferreiro, Noelia Espasandín e Raquel Parreño Lavandeira (feminino).
Pola súa banda, na categoría Xovencas (nados de 2007 a 2011) subiron ao podio Fabián Andújar Tomé, Adrián Rey López e Erik Cacheiro (masculino), así como Mónica Labandeira Vaquero e Ainhoa Labandeira Vaquero (feminino). No tocante á categoría Becerros (nados de 2012 a 2014), resultaron gañadores Hugo Tuñas Maneiro, Óscar Sánchez Pombo e Martín Olveira García (masculino), así como Jimena Martínez Estalote (feminino). Na categoría Xatiños (nados dende 2015 a 2019) repartíronse medallas entre todas e todos os participantes.
Despois do reparto de premios, que incluíron produtos lácteos cedidos por Feiraco e Casa Grande de Xanceda, procedeuse a unha nova edición, a sexta, do Brinde Leiteiro. Con este acto, no que se leron bos desexos para o ano entrante e onde se despediu en comunidade e con moito humor o 2022, Mazaricos presumiu novamente do peso do sector leiteiro no municipio e da importancia deste en Galicia como primeiro produtor.
Outras actividades
As actividades de Nadal continúan este domingo 1 de xaneiro, co concerto de Aninovo que ofrecerá na Casa de Cultura a Coral Polifónica de Urdilde. Será ás 18h e inmediatamente despois o público poderá compartir a tradicional e estupenda chocolatada con churros. Ás 19:30h o Dúo Élite amenizará o Baile das Persoas Maiores no mesmo lugar.
Xa o día 5 de xaneiro pola tarde, os Reis Magos volven percorrer Mazaricos coa Tractorada de Reis, unha divertida e chea de cor alternativa ás tradicionais cabalgatas coa que os reis de oriente adaptan a súa visita á realidade rural mazaricá.