luns. 22.12.2025
El tiempo

Mazaricos volve despedir o ano coa tradicional Carreira do Leite

Carreira Leiteira Mazaricos 2022-2
Imaxe da Carreira Leiteira de 2022
Mazaricos volve despedir o ano coa tradicional Carreira do Leite

O Concello de Mazaricos convoca a Carreira do Leite, a tradicional carreira de fin de ano que se celebrará o mércores 31 de decembro no circuíto urbano da Picota. Esta proba, que segue a estética das clásicas carreiras de San Silvestre, ten a particularidade de adoptar un nome e unha imaxe que poñen en valor o sector lácteo, motor económico do municipio.

Porque Mazaricos é o primeiro produtor de leite de Galicia con máis de 150 granxas en produción, e por iso adapta a tradicional carreira de fin de ano para visibilizar o seu tecido produtivo máis representativo. "En moitos lugares fánse carreiras de San Silvestre, pero nós decidimos darlle unha identidade propia que represente o que somos: a Carreira do Leite", explicou o alcalde, Juan José Blanco.

carreira_leite_2025

Programación da carreira

A proba está dividida en catro categorías con nomeclatura gandeira:

  • Xatiños (nados 2017-2021): 500 metros - 16:30h
  • Becerros (nados 2013-2016): 1 km - 16:45h
  • Xovencas (nados 2009-2012): 1,5 km - 17:00h
  • Vacas (nados 2008 ou antes): 4 km - 17:15h

Ao finalizar, celebrarase o tradicional brinde leiteiro para despedir o ano, completando a simbiose entre tradición deportiva e identidade local.

Inscricións

As persoas interesadas poden inscribirse exclusivamente de forma online ata o 31 de decembro ás 23:59 horas a través do enlace https://i.gal/carreiradoleite2025

Comentarios