Mazaricos volve lanzar o concurso de fotografía para o calendario municipal de 2026

O Concello de Mazaricos acaba de convocar o concurso de fotografía para seleccionar as doce imaxes que comporán o calendario municipal do ano 2026. Baixo o lema “Mazaricos, terra de auga”, a iniciativa busca poñer en valor a riqueza natural e patrimonial do concello, invitando a veciños, afeccionados e profesionais da fotografía a captar a esencia das súas paisaxes acuáticas.
O certame céntrase en capturar a importancia da auga na identidade do territorio, abranguendo un amplo abano de motivos: desde os impoñentes encoros e fervenzas ata os caudalosos ríos e sinuosos regueiros, as pozas cristalinas, os tradicionais muíños, a choiva que reverdece os campos ou as foces esculpidas pola natureza. O obxectivo é crear un calendario que sexa unha homenaxe visual a este elemento fundamental.
O alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro, destacou a vocación participativa e de promoción do concello que ten esta iniciativa: “Queremos que sexa a propia veciñanza quen nos achegue a súa visión da nosa terra. A auga é un dos fíos condutores da nosa paisaxe e da nosa historia, e confiamos en que este concurso nos devolva imaxes cheas de beleza e emoción que nos axuden a difundir Mazaricos por todas partes. É unha oportunidade perfecta para combinar a creatividade co orgullo de pertenza, de ser, co orgullo do noso”.
Bases e participación
As persoas interesadas en participar poderán presentar as súas fotografías ata o 30 de setembro de 2025. As instantáneas deben ser orixinais e ter sido realizadas dentro do término municipal de Mazaricos. Preferírase o formato horizontal para unha mellor adaptación ao calendario. O envío realízase por correo electrónico a correo@mazaricos.gal, acompañado dos datos do autor (nome, apelidos, DNI, teléfono de contacto e título da fotografía).
Premios
As 12 fotografías seleccionadas serán publicadas no calendario oficial do Concello de 2026, que se distribuirá por todos os fogares do municipio. Ademais, cada autor ou autora galardoada recibirá un vale de 50 euros para gastar en calquera establecemento comercial de Mazaricos, apoiando así o comercio local.
Pódese ter máis información nas oficinas municipais da Casa do Concello, na Picota, no tfn 981 867 104 ou a través do correo concellodemazaricos@omeu.gal