mércores. 12.02.2025
El tiempo

Mazaricos volve lembrar a ‘Che de Pedro’ no IV Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal

  •  A morte violenta de José Esperante tivo lugar durante os episodios de loita en defensa do monte comunal o 22 de xaneiro de 1963.
  • Homenaxe e ofrenda floral o sábado 18 ás 13h no monumento na Braña da Gatiñeira, en Eirón. 
homenaxe Che de Pedro 2025
Mazaricos volve lembrar a ‘Che de Pedro’ no IV Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal

Mazaricos lembrará por cuarto ano a figura do seu veciño José Esperante, ‘Che de Pedro’, asasinado en 1963 durante a loita veciñal polo monte comunal. Farao o sábado 18 de xaneiro a través da cuarta edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal, organizado pola o INGATECO, en colaboración coa ORGACCMM e o Concello de Mazaricos.

Os sucesos de 1963, cando as forzas de seguridade franquista abriron fogo contra a veciñanza que protestaba contra as expropiacións no contexto da repoboación forzosa do monte, causaron ademais varios feridos e motivaron que algunhas das persoas que protestaban cumpriran penas de prisión.

Un ano máis, esta iniciativa quere servir como homenaxe tanto a Che de Pedro como a todas as persoas que se mobilizaron na defensa do monte veciñal galego ante as tentativas de usurpación, decote violentas e represivas. Un exercicio de memoria histórica sobre un conflito social baixo o franquismo moitas veces esquecido.

Programa

A xornada celebrarase o sábado 18 de xaneiro, a poucos días do 62 aniversario dos feitos. Comezará no local social de Eirón ás 11h, coa presentación do evento por parte de INGATECO (o Instituto Galego das Terras Comunitarias) e a benvida a cargo do alcalde mazaricán, Juan Blanco.

Posteriormente, o exdelegado da Consellería do Medio Rural en Lugo durante o periodo 2005-2009, Emilio López Pérez ‘Milucho’, impartirá unha charla baixo o título “Aproveitamento comunitario dos montes. Onte e hoxe”. López Pérez é sociólogo e foi cofundador das Comisións Labregas, dos Comités de Axuda á Loita Labrega e do Sindicato Labrego Galego.

A segunda parte do evento transcorrerá no lugar dos feitos de 1963, a Braña da Gatiñeira, na mesma parroquia de Eirón. Será no monumento alá instalado, a partir das 13h. Nesta homenaxe intervirán representantes de INGATECO, do Concello de Mazaricos, da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) e da familia de José Esperante ‘Che de Pedro’. Rematarase coa colocación dunha ofrenda floral e o canto do Himno de Galicia.

Repaso ás 3 primeiras conmemoracións

Comentarios