Domingo. 16.06.2019
El tiempo

No tempo das vodas: Un contrato de dote do ano 1715

No tempo das vodas: Un contrato de dote do ano 1715

“Miña nai por me casare ofreceume bois e vacas. Agora que me casei doume unha cunca de papas”

                                    Popular

Contrato de voda de 1715 Contrato de voda de 1715

Primeiramente paso a transcribilo porque está en moi mal estado de conservación e lese con bastante dificultade. En liñas xerais respecto a ortografía do documento, unicamente engadín os signos de puntuación e individualicei un bo número de palabras que no texto aparecen fundidas coas partículas que as preceden ou anteceden.  Beba, a aldea na que está asinado o contrato e na que viven os protagonistas,  pertence ao Concello de Mazaricos. Así reza o documento: “En el lugar de Beba, feligresía de San Julián de Beba, al primero día de nobiembre de mil setecientos y quince. A presencia de los testigos avaxo escritos, Alberto de Otero ofreció en dote i casamiento a su hija Patricia de Sendón, casándose con Joseph González el mozo, los vienes siguientes: primeramente dos bois, un carro ferrado, una arca nueba de porte de cinco cargas, otra pequeña, con dos bacas con una xubenca, dos eguas, dos docenas de rogelos de lana y pelo, seis mantas, dos sábanas, quatro almoadas, un par de manteles de labrado, seis servilletas, dos vasos de plata, una caldera de cobre, dos ferrados de trigo de renta cada año, vestida de casa y de yglesia. Todos los cuales vienes así ba referidos se obligó con su persona y bienes muebles, raíces, avidos y por aver, de dar y pagar lo antes dicho efectuándose dicho casamiento. Siendo todo ello presentes por testigos: D. Pedro López Rey residente en esta de Beba, Santiago González y el licenciado D. Julián Otero y Perrúa. Todos vecinos desta dicha feligresía, y por el dicho Alberto de Otero no saber firmar, ruega a uno de ellos lo aga por mi de su nombre. Fecha: dicho día, mes i año de arriba, como testigo y a ruego Pedro López Rey” (rubricado).

Antes de meterme en máis fonduras aclárovos que os rogelos ou roxelos eran años a punto de destetar. Se lestes o texto con atención puidestes comprobar que o pai se chamaba Alberto de Otero e a filla Patricia Sendón. O feito de que teñan apelidos diferentes non é por ningunha cousa rara, senón porque daquela non había unha regulamentación estrita para a escolla de apelido. Moitas mulleres preferían levar o apelido da nai, dándose numerosos casos nos que dous irmáns podían ter apelidos diferentes. Esta situación prolongouse ata o ano 1870, no que o noso paisano Eugenio Montero Ríos sendo ministro de “Gracia y Justicia”, levou adiante a Lei do Rexistro Civil que, ademais de impor as normas de uso que todos coñecemos, creou os rexistros municipais para velar polo seu cumprimento e polo inmenso caudal de datos que ía xerando.

Neste contrato de dote o pai da futura noiva comprométese a entregarlle no momento do casamento unha serie de bens moi característicos da economía labrega daqueles tempos e de non hai tantos anos tamén: bois, vacas, eguas, años, un carro ferrado, e unha hucha grande de cinco cargas. Cada carga equivalía a 12 ferrados, polo tanto esta arca grande tería unha capacidade de 60 ferrados e estaría destinada a gardar cereais: trigo, centeo,… O resto dos avíos poderían formar parte do que normalmente se entendía polo enxoval da noiva: un baúl para meter a roupa, mantas, sabas, almofadas, manteis labrados, é dicir, con algún tipo de bordado, panos de mesa, e dous traxes completos, un de garda e outro decotío. Neste último apartado tamén poderíamos incluír os dous vasos de prata e a caldeira de cobre. Obxectos certamente insólitos nas casas labregas de calquera época. A singularidade da prata non precisa máis comentario e o cobre, sen chegar os altos prezos desta, non lle andaba moi lonxe.

Pero quizais o presente de máis valor fora a renda anual de dous ferrados de trigo. A cantidade non era moita, mais tiña un carácter perpetuo, como rezaban algúns contratos: “para siempre y jamás”, o que a convertía nunha importante achega para as sempre maltreitas economías labregas, incluso para as máis abastadas.

Voda en Noia nun gravado de Juan de la Cruz do ano 1777 Voda en Noia nun gravado de Juan de la Cruz do ano 1777

E o amor? O amor… o amor coido que non tiña demasiada importancia, era cousa de xente ociosa que non tiña que preocuparse por gañar a vida e podía perder o tempo en románticos galanteos. En calquera caso para todos, ociosos e traballadores, unha cousa era o matrimonio e outra o amor. O matrimonio era unha especie de sociedade que debía facilitar unha serie de bens que contribuíran á creación e supervivencia dunha familia. O amor era totalmente prescindible, aínda que con amor estes obxectivos se puideran cumprir mellor.

Esta relación de bens demóstranos que estamos diante dunhas familias labregas, mais que seguramente ocupaban os extractos de máis poder adquisitivo entre os da súa clase. Alberto de Otero que non sabía ler nin escribir, coido que debía pertencer á casa que, cos anos, se chamará do Surxano. Aínda que os cirurxiáns que lle deron o nome, pai e fillo, tardarían máis de cen anos en facer acto de presenza. En todo caso, unha boa casa de labrador. Joseph González tamén formaba parte dunha familia de posibles, a actual casa de Suárez, que en pouco tempo se convertería nunha das máis podentes da comarca.

Estes Otero, que por estas datas tamén aparecían nos papeis como “Outeiro”, estamos no momento da castelanización dos apelidos, tiñan dereito de enterramento na capela maior da igrexa de Beba. Prerrogativa que foi reclamada e preiteada polos herdeiros de Patricia de Sedón na Real Audiencia do Reino de Galicia,lográndoa nos últimos anos do século XVIII. A sociedade sempre estivo dividida en diferentes clases conforme ao seu poder adquisitivo, incluso no rural. Os máis de arriba eran os fidalgos, en Beba non había ningún. En tempos afastados, os Caamaño posuidores do pazo de Fontán, formaran parte desta clase. Esta propiedade fora herdada polos Señores do Allo (Baio,) e algúns Caamaños pertencentes ás pólas menores desta estirpe que aínda quedaban en Beba, había décadas que sobreviñeran en simples labradores. E precisamente entre os chamados labradores había varias categorías segundo tiveran terra de seu, case ningún, ou contratos de foro ou arrendo máis ou menos extensos ou máis ou menos liviáns dende o punto de vista da renda a satisfacer. Despois estaban os caseiros, labregos que traballaban terras alleas a cambio dunha parte da colleita. Os extractos máis baixos estaban ocupados polos caseteiros,así chamados por moraren en casetos: habitáculos de escasa superficie, escuros, miserables, cun único espazo no que convivían todos, incluídos os animais que puideran ter : un porco, unhas ovellas,.. que acomedaban nos montes comunais.

Este segmento da sociedade estaba composto maioritariamente por mulleres soas ou con fillos naturais, que vivían basicamente de traballar ao xornal pola comida. Non tiñan dote e o normal era que quedaran solteiras, prolongándose xeración tras xeración a situación de solteiría e ilexitimidade. Se algunha casaba, acaeríalle moi ben a cantarea coa que abrimos este artigo.

O casamento dos nosos protagonistas celebrouse o 9 de xaneiro do ano seguinte, 1716, hai xustamente trescentos anos. E ata puideron aproveitar as sobras da festa que na parroquia de Beba é o 7 e 8 de xaneiro. Foi bendicido con descendencia, non pródiga, pero suficiente.

Unha filla, María Antonia, que casou na casa no ano 1748 con Miguel Joseph Suárez, notario e irmán do que por aqueles tempos era cura de Beba, e que probablemente foi o que se ocupou de buscarlle unha casa de pan e porco, como dicían os nosos maiores. E un fillo, Joseph González 3º, así chamado nos papeis para diferencialo do pai e do avó cos que compartía nome e apelido. Este segundo fillo casou no ano 1751 con Juana de Caamaño da casa de Varela do mesmo lugar de Beba. Casa na que algúns anos despois naceu este que escribe. Este contrato seguramente se atopaba entre os papeis desta última familia porque Joseph González 3º trouxo como parte da súa dote, entre outros bens, a nomeada renda dos dous ferrados de trigo. En relación ao que antes dicíamos dos apelidos, Juana de Caamaño, a muller de Joseph González, nin sequera tomou o apelido de súa nai senón que escolleu o dunha das avoas. Tiña outra irmá que se facía chamar María Antonia Pais de Caamaño e tres irmáns que entendían por Pedro, Jacobo e Julián Varela. E a pesar de que os descendentes de Juana cambiaron xeración tras xeración ata cinco veces de apelido, a súa aínda hoxe é a casa de Varela.

Ilustramos esta entrada coa imaxe do contrato obxecto de tanta “palabrería”, e cun gravado de Juan de la Cruz do ano 1777 que representa a unha galega de Noia e a un galego de Tui que, acompañados polo gaiteiro, bailan a danza prima. Se non están de voda poderían estalo.

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios