Domingo. 22.09.2019
El tiempo

O antes e o agora do primeiro coche do Riolo

O antes e o agora do primeiro coche do Riolo

Encántanos gozar desta singradura histórica da man de Suso Jurjo, técnico municipal de Cultura, que vai compartindo interesantísimos artigos nas redes sociais. Hoxe lévanos nunha viaxe histórica en coche por Mazaricos.

O antes e o agora do primeiro coche do Riolo

Primeiro coche de Riolo-Mazaricos Coches históricos de Mazaricos

En realidade este da imaxe non foi o primeiro coche do Riolo, e tampouco era o Riolo o seu único propietario. Explícome. Dous veciños de Sanfoga: Evaristo Rodríguez Pena (da casa do Conde) e José Otero Rodríguez (da casa do Creguiño), despois de acabada a Guerra Civil (1936 – 1939), na que participaran, quédanse en Madrid e dedícanse ao transporte de mercadorías. Para tal fin mercan un camión pequeno e constitúen a empresa TRANSPORTES OTERO RODRÍGUEZ, non sei con que porcentaxe cada un deles. A mediados da década dos corenta deciden retornar á Terra e continuar traballando no mundo dos transportes. Como por aqueles tempos en Mazaricos este tipo de servizos eran escasos, tanto no que se refire ao transporte de mercadorías coma de persoas, acordan facerlle algúns arranxos ao camión para que cumpra as dúas funcións: colocándlle un toldo e uns bancos. Non había medios de transporte nin vías axeitadas para andar por elas. A rede interior era practicamente inexistente e as poucas estradas que nos comunicaban co resto da comarca, eran de terra con algunhas pedras dando tombos dun lado ao outro da cancha e, nun País coma o noso de intensas e persistentes chuvias, con moitos, moitos fuchancos. Alleas a calquera caste de asfalto, semellaban camiños de carro que só empezaron a mellorar algo a finais da seguinte década.

Polo mesmo tempo señor José casa con Carmen Figueira Lado, a herdeira da casa do Riolo. A casa do Riolo foi a primeira que se construíu na Picota alá polos anos centrais da década dos vinte do século pasado. Alí instalaron os pais de señora Carmen, Miguel Figueira e Carmen Lado, unha desas tabernas nas que se podía atopar un pouco de case todo: unha lata de carburo para que alumearan os candís, un saco de sal para salgar o porco, un quilo de garavanzos para facer os callos ou un cuartillo de aceite para botarlle á caldeirada. Señor José ademais de participar de maneira activa no negocio da súa muller, asume o alcume da súa familia política. E quizais pola súa maior proxección social e pola súa maior participación na empresa de transportes, este camión e os coches que veñan despois, serán coñecidos polo mesmo sobrenome.

Nos anos cincuenta mercaron, tamén de segunda man, un autobús que, aínda que non foi o primeiro coche do Riolo, foi o primeiro autobús propiamente dito. ¡Que tampouco! Isto xa parece unha broma, non? Realmente en orixe fora un camión da casa Chevrolet matriculado na provincia da Coruña no ano 1934 (C 4869). Deste vehículo orixinal, nun momento indeterminado, conservaron o chasis e parte da cabina e adaptárono para o transporte de viaxeiros cunha carrozaría axeitada a esta fin. Unha carrozaría moi especial, xa que non se trataba da previsible carrozaría de chapa metálica, senón que era de madeira. Naqueles tempos a madeira saía máis económica que a chapa, ademais de que era máis doado atopar un carpinteiro espelido que se atrevera a facer o choio, que un taller especializado neste tipo de traballos. Non sabemos se a empresa Otero Rodríguez mercou este vehículo xa reconvertido en autobús ou se encargou ela desta tarefa. O que si sabemos é que nos anos en que este coche estivo operativo, o noso veciño e carpinteiro Eugenio Atán Jurjo (Eugenio de Ventín), ocupouse de colocarlle un teito e uns bancos novos.

Con este autobús ían ás feiras de Santa Comba, de Noia, da Serra de Outes, de Muros; ás romarías máis sonadas dos arredores: San Campio, os Milagros de Santa Comba, A Guadalupe de Rianxo,… E antes da chegada das liñas regulares de transporte de viaxeiros e dos taxis, tamén facían traballos máis ao detalle: viaxes a Santiago, á Coruña ou a Noia, segundo o caso, con enfermos de variada gravidade, parturientes que sen esquecer a San Ramón, buscaban o auxilio da ciencia; emigrantes na procura dun tren ou dun barco que os levara a horizontes máis xustos, ou recrutas obrigados a servir a unha Patria da que nada recibiran.

No ano 1960 compraron outro autobús do que falaremos outro día, e o Chevrolet de 1934 pasou a un segundo plano, viaxando só en contadas ocasións. O 23 de maio de 1962 foi dado definitivamente de baixa e o seu pequeno habitáculo sentiría, de certo, eternas soidades polas suspicacias dos feirantes, as ofrezas dos romeiros, as trasnadas dos esmorgantes, os temores dos doentes, as inquietudes das parturientes e as esperanzas dos emigrantes. E dos vultos e mercadorías que os acompañaban, que en cada xeira acughulaban aquel pequeno espazo de texturas, cores e recendos.

Señor José do Riolo, que lle debía ter certo cariño ao autobús, conservouno na denominada Casa Nova situada na Feira dos Froitos, cerca da vivenda principal. No ano 1994, falecido xa o empresario e a causa dunhas reformas urbanísticas impulsadas pola corporación presidida por Xoán Manuel Ramos Rodríguez, a construción foi derrubada e os herdeiros do vello autobús, quizais por falla dun espazo axeitado para gardalo, desfixéronse del. Foi precisamente nese momento, antes de coller un rumbo, para nós ignorado, cando se tomou a fotografía que ofrecemos, cedida nesta ocasión polo meu parente José Benito Jurjo Rodríguez (José Benito do Burro da Picota) que tamén aparece na imaxe. O autobús deixou Mazaricos e despois de pasar , disque, por Madrid e Portugal, foi mercado por Félix Montoto, un coleccionista e restaurador de vehículos antigos da Estrada. Agás algún cambio que puido efectuar calquera dos seus posuidores anteriores, coma o de situar a escaleira de gato que sobe ao portavultos no lateral dereito; Montoto é o responsable do aspecto resplandecente que ofrece agora o coche, ben visible na parte inferior da imaxe coa que ilustramos esta entrada.

Restaurado con sumo mimo e coidado, usando as mellores madeiras e os apliques complementarios máis axeitados, dou como resultado un autobús luxoso e bastante afastado do aspecto intrépido e popular que tiña cando cada viaxe era unha aventura por aquelas escancalladas estradas da ¿España? invertebrada, continuamente en “vías de desarrollo”, sen chegar nunca ao ansiado desenvolvemento.

Antes de rematar teño que manifestar o meu agradecemento a Suso e Fernando de AUTOS GONZÁLEZ de Sanfoga que me informaron da restauración do autobús e do nome do seu actual dono e restaurador, e a José Benito da CASA JURJO da Picota que me facilitou a foto do ano 1994.

 
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
   

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios