Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Exército de Panos, os colexios, as asociacións e as tapas protagonizan o Entruido de Mazaricos

O Exército de Panos, os colexios, as asociacións e as tapas protagonizan o Entruido de Mazaricos
Despois do éxito do ano pasado, os Entruideiros da parroquia mazaricana de Arcos xa teñen case todo a punto para o desfile do Exército de Panos, o Coro dos Vellos e o Coro dos Cegos. Será o vindeiro sábado, día 10, cando desfile acompañado dos nenos dos colexios ataviados do mesmo xeito, saíndo ás 16:30 do recindo feiral da Picota. O encargado de abrir o desfile é o abandeirado que anuncia a chegada, despois vai o xeneral e o garda civil e tras deles o Exército. Van vestidos de branco, encinchados, con panos que lles cruzan polos ombreiros e que tamén levan nos pulsos. As súas armas van primorosamente decoradas pero, o máis identificativo son os sombreiros, cheos de plumas e xoias. O Exército desfila e cumpre a función de abrirlle sitio aos bailadores, unha parella de mozos experimentados nos bailes tradicionais. Ao grupo, tal como di o costume, ségueno outros personaxes: o varreduiro, provisto dunha vasoira feita de follas de cebro que lle fai camiño ao resto da comparsa ou o rabechador, armado cun pau revirado. Outros homes van disfrazados de oficios peculiares: o cordeleiro, o sarralleiro, o afiador, o limpabotas; ou profesións que eran novidosas na época: o médico, o veterinario ou o fotógrafo. Un programa desenvolto gracias ás Asociacións Eu Son Mazaricos, AC de Antes, AV O Souto de Arcos e A. De amas de Casa. exercito-panos-mazaricos Os Entruideiros de Arcos recuperaron o ano pasado o seu tradicional Exército de Panos Parece que a orixe destes desfiles militares está nas guerras napoleónicas de comezos do século XIX, aínda que superposta sobre as batallas de mouros e cristiáns de longa tradición. O exército dos panos relaciona o Entruido de Mazaricos con outros como os da zona da Ulla, nos que a parroquia afirmaba o seu carácter e a súa identidade colectiva e rural fronte ás freguesías dos arredores. En relación á “Guerra da Independencia”, en Mazaricos houbo un enfrontamento cos franceses na Batalla da Ponteolveira. Se reparamos no chapeu do Exército dos Panos atopanse moitas semellanzas con aqueles gorros altos que empregaban os franceses.Este ano o Exército levará na parte traseira aos nenos dos colexios que irán ataviados coma eles. Mazaricos é Tapas Ademais do desfile de Entruido, os locais hostaleiros levan a cabo unha ruta de tapas. As persoas participantes levarán un pasaporte para selar en, polo menos, dúas parroquias. Tras iso entrarán no sorteo dun vale de 100€ e entregaráselle o seu peso en cervexa. Novas relacionadas Fonte

Comentarios