Luns. 29.04.2024
El tiempo

70.000 euros en liza na Poxa de Gando Frisón de Mazaricos

Poxa da Semana Gandeira de Mazaricos
70.000 euros en liza na Poxa de Gando Frisón de Mazaricos

Espectacular, coma sempre, a acollida na poxa de gando frisón Memorial José Moreira que se celebrou este domingo no recinto feiral da Picota. Unha cita que pon á MZ no epicendo do sector gandeiro de Galicia, e que serve para pechar unha completa marea de actividades no marco da Semana Gandeira 2023.

Varios centos de persoas pasaron por un evento onde se venderon 22 cabezas de gando, por un valor total próximo aos 70.000 euros. O maior prezo alcanzado foi de 5450 euros.

Poxa da Semana Gandeira Mazaricos 2023

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, e mais o conselleiro de Medio Rural, José González, estiveron presentes durante a poxa. O alcalde puxo en valor o traballo de todo o sector e da Administración en Mazaricos para converter a Semana Gandeira nun evento referencial de ámbito galego e por transformar o municipio nunha potencia leiteira en Galicia.

Pola súa banda, o conselleiro salientou a necesidade de traballar na mellora da base territorial e na organización empresarial das explotacións. Ademais insistiu en reclamar á Administración Xeral do Estado unha reforma fiscal que discrimine positivamente aos agricultores, gandeiros e silvicultores para compensar o seu labor de xestores do territorio rural.
Ademais, o conselleiro avanzou tamén que a Xunta, dentro das súas competencias nesta materia, habilitará o vindeiro ano un servizo de asesoramento fiscal e de organización empresarial aconsellando aos produtores, con expertos na materia, a mellor fórmula para reducir a súa carga tributaria, sempre dentro da legalidade.

Sorteos

Semana Gandeira Mazaricos 2023 1

Logo da poxa, repartíronse máis de 2.000 euros en premios achegados pola organización e patrocinadores, onde se incluíu desde produtos gastronómicos a material e servizos agrogandeiros, así como unha fin de semana de balneario.

Un sábado de sesión vermú e xogos

Xogos na Semana Gandeira Mazaricos 2023

Na xornada tivo lugar a primeira hora a mesa redonda “Situación actual e perspectivas de futuro do sector lácteo”, conducida polo alcalde, Juan Blanco, e coa participación do presidente dos Gandeiros de Mazaricos, Óscar Blanco; o especialista do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo César Resch, e Jesús Combarro, director de Abanca Agro.Posteriormente, Radio Nordés emitiu en directo “A vivir las Rías” cun programa especial sobre a Semana Gandeira, e a partir do mediodía os asistentes gozaron da gran sesión vermuuuuu co Trío Alborada.

Concurso Fotos Semana Gandeira Mazaricos
Concurso de Fotos

Á tarde, tiveron lugar xogos populares, como corda, a chave ou carreiras de zancos, para todas as idades, e falláronse os concursos de fotografía e postres lácteos. En fotografía, o primeiro premio foi para Pablo Franco, de Ames, que gañou unha cea para seis persoas. O segundo para Yasmina Farhani, de Mazaricos, quen levou unha cea para catro. O terceiro correspondeu a Rubén Vidal, de Noia, quen gañou unha cea para dúas persoas. Idéntico premio levou o gañador votado polo público, Bruno Calvo, de Santa Comba.

Concurso Postres Semana Gandeira Mazaricos 2023
En canto ao concurso de postres, o primeiro premio recaeu en María Luaces pola súa torta de queixo con castaña.

Semana de actividades

A poxa puxo fin a unha semana intensa que incluíu, especialmente na fin de semana, actividades para todas as idades, con especial fincapé na idade escolar, así como exposición de servizos, unha gran sesión vermuuu, concursos de fotografía e postres e xogos populares. Tamén se celebrou unha mesa redonda sobre a situación e o futuro do sector lácteo, coa participación do presidente dos Gandeiros de Mazaricos, Óscar Blanco; o especialista do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo César Resch, e Jesús Combarro, director de Abanca Agro, sendo conducido o evento polo alcalde, Juan Blanco.

Comentarios