Últimos días para inscribirse na Carreira do Leite de Mazaricos
Achégase a celebración da máis orixinal carreira San Silvestre de Galicia, a Carreira do Leite de Mazaricos. Este evento pon en valor o leite, a gran riqueza mazaricá, municipio que encabeza ano a ano a produción galega. A sétima edición desta carreira correrase en catro categorías a partir das 16:30h do martes 31 de decembro, e posteriormente, dende as 18h, terá lugar a entrega de premios e o VIII Brinde Leiteiro, un evento onde o Concello convida a toda a veciñanza a brindar con leite e despedir con alegría o 2024.
A proba contará nesta edición con catro categorías: xatiños (nenas e nenos nados de 2016 a 2020), becerros (entre 2012 e 2015), xovencas (de 2008 a 2011) e vacas (persoas nacidas ata o ano 2007). A inscrición permanece aberta ata a medianoite do próximo luns no formulario habilitado.
Un ano máis, o Concello quere agradecer a Feiraco e á Casa Grande de Xanceda a súa colaboración co evento.
Teatro
O próximo sábado, a Casa de Cultura acolle o espectáculo CRUNCH 2 ás 5 da tarde. Volven con novas aventuras os superheroes Spunk e Scrunch con circo, clown, malabares, saltos mortais, golpes e caídas a eito. A entrada é libre. Ademais, durante todas as festas, pode visitarse de luns a venres pola mañá a exposición de beléns artesáns do veciño de Olveira Gumersindo Capelo. Centos de pezas feitas a man con todo tipo de materiais, deixando voar a imaxinación.
Cabalgata
As festas chegan á súa fin o 5 de xaneiro coa tradicional Gran Tractorada de Reis. As súas maxestades os Reis Magos de Oriente volven percorrer as rúas de Mazaricos e rematan o seu itinerario no recinto feiral da Picota, nunha gran festa con agasallos para toda a rapazada e onde se poderá desfrutar dunha deliciosa chocolatada para todas as persoas asistentes.