xoves. 23.01.2025
El tiempo

Mazaricos abre o prazo para a fermosa Carreira do Leite

Carreira do Leite Mazaricos-Nadal 2023 3
Imaxe da Carreira do Leite do ano pasado
Mazaricos abre o prazo para a fermosa Carreira do Leite

O Concello de Mazaricos vén de abrir a inscrición na sétima edición da súa xa tradicional Carreira do Leite do día 31 de decembro. Esta orixinal “carreira de San Silvestre” pon o leite como protagonista de excepción nun municipio, Mazaricos, que se alza cada ano como o primeiro produtor en Galicia.

As inscricións atópanse abertas e pódense levar a cabo ata a medianoite do xoves 26 de decembro neste formulario habilitado. Un ano máis, son catro as categorías de competición: Xatiños (nenas e nenos nados entre 2016 e 2020), Becerros (de 2012 a 2015), Xovencas (de 2008 a 2011) e Vacas (persoas nadas ata o ano 2007). A primeira categoría, a máis nova, comeza a carreira ás 11 da mañá, e as seguintes de forma progresiva a continuación, en intervalos de quince minutos (11:15h, 11:30h e 11:45h).

A distancia da carreira depende de cada categoría. En Xatiños será de 500 metros, e dun quilómetro en Becerros. Na categoría Xovencas correrase un quilómetro e medio, e catro quilómetros as persoas adultas da categoría Vacas.

Ao remate, o Concello convida a toda a veciñanza a participar no VIII Brinde Leiteiro. Terá lugar, como de costume, na Casa de Cultura, xusto despois da entrega de premios da carreira, en torno ás 12:30h da mañá.

Carreira do Leite Mazaricos 2024

Máis novas

Comentarios