Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello

Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello
O paxaro que da nome ao Concello de Mazaricos

Xa temos falado dos problemas de supervivencia do mazarico real. Si, ese ave que parece ser a orixe do nome do Concello de Mazaricos. En todo caso, Suso Jurjo, técnico municipal, reflexiona sobre o asunto.

”Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello”, por Suso Jurjo

No ano 1992, sendo alcalde Xoán Ramos Rodríguez, ante a insignificancia visual e simbólica do escudo municipal oficial, decídese encargar un logotipo que usando unha linguaxe innovadora, acorde coa modernidade tecnolóxica de finais do século pasado, identifique o concello e o proxecte alí onde faga falla.

Foi o deseñador e debuxante Pepe Carreiro, moi famoso a día de hoxe por ser o creador dos Bolechas ou dos Barbanzóns, o encargado de darlle forma ás pretensións do Concello. Partindo dunha idea na que se identificaba o nome do municipio coa imaxe do paxaro designado da mesma maneira, do que era moi probable que proviñera o topónimo. O deseñador propuxo o cume do Monte da Ruña, o punto de maior altitude do noso Concello, coroado pola silueta do mazarico. Os contornos de ambas figuras recortados en negativo sobre un óvalo de cor verde. O simbolismo da Ruña unido ao característico aspecto do paxaro, coas longas patas, o estilizado pescozo e o peteiro, prolongado e arqueado no remate, dan como resultado un anagrama sinxelo, esvelto e singular. A depuración, a esencialidade do deseño, da forma e da cor, imprímenlle un forte poder comunicativo, e os elementos que o compoñen, dótano dunha visualidade que suxire valores ecolóxicos e de progreso sostible.

Co paxaro a voar polo mundo da representación emblemática, empezaron as críticas por parte dun número moi reducido de persoas. A péga máis grande estaba na ausencia do tal paxaro dos ceos de Mazaricos, xa que era unha ave de beiramar. Como un topónimo que daba nome ao Concello podía estar relacionado cun paxaro inexistente no seu territorio?

Sobre esta inexistencia habería moito que falar. O mazarico ten o seu hábitat en zonas húmidas salgadas ou doces: por suposto nos bordes mariños, pero tamén nas lagoas, nas brañas e lameiras. Mazaricos, ademais de posuír espazos húmidos de auga doce destas características, está moi cerca do mar en calquera contexto, pero para un paxaro moito máis.

E aínda que non fora tan abundante coma os gorrións, os merlos ou os corvos, tampouco era descoñecido para os nosos veciños. Eu mesmo, entre a xente maior de setenta anos, atopei testemuñas que lembraban na súa mocidade a chegada de numerosas bandadas de mazaricos ata este lado da Ruña. A día de hoxe a presenza deste paxaro no noso territorio é difícil de constatar. O home está continuamente modificando a paisaxe e coa paisaxe, o hábitat de numerosas especies que viven ao seu redor. Quen nos pode negar que no medievo esta ave limícola era moito máis abundante por estas latitudes?

Pero volvamos ao rego das críticas. Por aqueles tempos apareceu outra teoría sobre a procedencia do topónimo. Segundo esta nova proposta, Mazaricos tiña a súa orixe na palabra árabe andalusí al-ma’sara (almazara), coa que se denominan, polas terras do sur, os muíños nos que se espremen as olivas para extraerlles o aceite. Esta posible procedencia nunca chegou á letra impresa, que eu saiba, nin foi axeitadamente argumentada coa documentación complementaria necesaria neste tipo de traballos.

Así estiveron as cousas e así seguen no plano oficial, aínda que no plano da investigación científica houbo importantes novidades. No ano 2010 o especialista en toponimia Paulo Martínez Lema, defendeu a súa tese de doutoramento na facultade de filoloxía da universidade de Santiago, na que analizaba a toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do Tombo de Toxos Outos. Documentación que atinxe un período que vai dende o século XII ata o XIV.

Dentro deste amplo corpo diplomático aparecen varias escrituras nas que se cita a parroquia de Mazaricos, e polo tanto o noso topónimo forma parte do estudio do mencionado investigador. O feito de recuperar o topónimo dunha fonte tan recuada no tempo facilita a súa análise e o éxito do resultado.

O nome do noso Concello aparece citado en tres ocasións, dúas do ano 1271 e unha sen datar. Atopámolo escrito de tres maneiras distintas: Maracicos, Maraciquos e Maraçicos. Denominación que coincide coa que tiña o paxaro por aqueles tempos. Xa en fontes posteriores, que o autor utiliza para seguir o proceso evolutivo dos topónimos, no ano 1607 e nas Memorias del Arzobispado de Santiago de Jerónimo del Hoyo, atopámolo coa secuencia silábica que chegou aos nosos días: Maçaricos. Para o noso investigador, esta alteración silábica é froito dun fenómeno de metátese moi común nos decursos da evolución morfolóxica. En todo caso este cambio foi parello ao do nome da ave que nos ocupa.

Para Paulo Martínez Lema, partindo da denominación do paxaro, chegamos ao topónimo que da nome á parroquia e ao Concello de Mazaricos, mais cun paso intermedio. No mesmo Tombo de Toxos Outos, en documentos datados nas dúas primeiras décadas do século XII, cincuenta anos antes da aparición do noso topónimo no mesmo repertorio documental, atópanse diferentes membros dunha familia alcumada os Maraciquos ou os Maracicus. Dun dos compoñentes desta estirpe temos o testamento, do ano 1223, no que figuran importantes propiedades dende Vimianzo ata a marxe norte da ría de Arousa. Dentro destas propiedades, sen especificar a súa localización concreta, aparecen algunhas no noso arciprestado se Entís. É moi posible que se coñeceramos as propiedades do resto dos membros da familia, intensificaríase a súa presenza na parroquia de Mazaricos. O citado investigador coida que esta familia toma o seu alcume do nome do paxaro, e da familia, pola súa vinculación a estas terras, pasa a denominar a parroquia. Nun documento do ano 1390 da Tenencia do Hórreo, atopamos esta freguesía como Santa Ougea dos Maraciquos, e dicir, San Xoán dos Maraciquos, dando a entender co uso do artigo en plural, que os Maraciquos son un grupo de persoas dunha mesma estirpe.

Recapitulando, o topónimo do noso Concello provén do alcume dunha familia, que a súa vez o toma do nome do paxaro mazarico. Algunhas veces, o máis obvio é o máis afastado da realidade, esta non é unha desas ocasións.

O logotipo do paxaro, despois de case vinte e cinco anos cumprindo axeitadamente a función para a que foi creado, e ante a absoluta ineficacia do escudo oficial, coido que xa é moita hora de que o paxaro ocupe o lugar deste último, e cos correspondentes parabéns da corporación municipal.

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios