Venres. 26.04.2024
El tiempo

A alcaldesa de Muros expulsa dun pleno á voceira do BNG e o asunto remata nos xulgados

A alcaldesa de Muros expulsa dun pleno á voceira do BNG e o asunto remata nos xulgados
A voceira do BNG de Muros, María Xosé Alfonso Torres, presentou na mañá do pasado venres un recurso contencioso-administrativo ao ser expulsada dun pleno municipal pola alcaldesa do concello muradán, Caridad González Cerviño. Segundo Alfonso, ela foi expulsada do pleno do pasado 7 de xullo “para poder aprobar todo tipo de retribucións”. Deste xeito, o BNG de Muros “considera vulnerado o seu dereito a participar na votación do pleno de organización”. A voceira do BNG asegurou que “o que fixo a alcaldesa é un claro abuso de poder para sacar adiante unha proposta que aprobaba unhas retribucións abusivas para os membros do novo equipo de goberno”. Ante estes feitos, a nacionalista María Xosé Alfonso Torres interpuxo na mañá do pasado venres, 22 de xullo, ante o xulgado do Contencioso-administrativo de Santiago, un recurso para a tutela de dereitos fundamentais. No citado pleno, María Xosé Alfonso foi expulsada por repetir a mesma expresión que empregara poucos minutos antes a propia alcaldesa: “Hai que non ter vergonza”. Segundo a concelleira, ela non recibira ningunha advertencia previa a esta expulsión “cando a lexislación establece que a expulsión terá lugar coa terceira advertencia”. Alfonso sinalou que na súa expulsión estaba a chave para sacar adiante as propostas do grupo de goberno, xa que coa ausencia dun concelleiro ou concelleira quedaría seis votos do equipo de goberno e seis da oposición, “polo que nese caso decide a alcaldesa”.  En canto ás remuneracións económicas, o BNG propuxera que todos os membros da corporación cobraran o mesmo, “por asistencia a reunión de órganos colexiados”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG de Muros.

Comentarios