Venres. 29.03.2024
El tiempo

“A Creba é do pobo”

Presentacion Illa da creba 2
“A Creba é do pobo”

Fantástica acollida tivo este pasado domingo a presentación en Esteiro do caderno “A illa da Creba. Un baldío comunal”. Editado pola fundación Galiza Sempre, semella chegar no momento xusto, cando a sociedade muradá está preparada para recuperar a súa Illa.

Presentacion Illa da Creba Esteiro 2

Así o recoñecía na presentación a responsable comarcal do BNG na ría de Muros-Noia, Sol Agra, facendo un breve repaso das irregularidades polas que pasou a illa a mans privadas, incidindo na importancia de “non resignarse, de que o pobo reclame a devolución do que lle pertence”.

O autor do caderno, Francisco Abeijón, máis coñecido como Pacucho, fixo unha descrición máis pormenorizada dahistoria de como unha illa pública, foi rexistrada no concello veciño de Outes a nome de dous particulares, estando dentro dos límites territoriais do concello de Muros. Grazas ás súas investigacións podemos coñecer a documentación que rodea ó caso.

Por parte da Fundación Galiza Sempre falou o prologuista do libro, Bieito Lobeiro, que incidiu na importancia de que “as decisións sobre o noso mar e as nosas costas se podan tomar desde Galiza, non desde un despacho de Madrid”.

Presentacion Illa da Creba 1

Plataforma veciñal

O último en intervir foi Rodrigo Molinos (Bolato), que anunciou a creación dunha plataforma para loitar pola recuperación da Illa da Creba para o pobo, foron moitas as persoas asistentes que alí mesmo se anotaron para participar.

Este é precisamente o texto da Plataforma, que se titula “A Creba é do pobo”:

A illa da Creba, 65.380 metros cadrados de terra no mar da Ría de Muros e Noia, perténcelle á comunidade veciñal da parroquia de Santa Mariña de Esteiro desde tempo inmemorial.
Foi declarada espazo natural protexido da provincia da Coruña por resolución da Consellería de Ordenación do territorio e Obras públicas do 10 de xaneiro de 1980 (DOG 22.01.90). O empresario de Santiago, Sr. Emilio Penas Gerpe, reclama ser o dono da illa en virtude da compra que lles fixo a varias persoas do lugar do Freixo, no concello de Outes, onde parece ser que estaba rexistrada a illa, o cal é de todo irregular porque xa no ano 1920, cando se fai o deslinde do Instituto Xeográfico Nacional, se determina que a Creba pertence ó concello de Muros. A partir de 1981, este suposto propietario, pon en marcha varias construcións na illa e solicita permiso para a instalacións de diferentes granxas de produción mariña. A obra foi paralizada en varias ocasións por falta de licenza e as granxas de rodaballo e ameixa nunca tiveron actividade. Os recheos feito na illa para a construción dun dique de abrigo e pantalán flotante foron denunciados polos veciños de Esteiro, que xuntaron 700 sinaturas de oposición, e conseguiron a paralización por resolución da Dirección Xeral de Costas no 13 de maio de 1999.
No ano 2000 constitúese o Comité para a defensa da illa da Creba, formado por entidades sociais e culturais de Esteiro e numerosos veciños e veciñas de todo o concello de Muros, para seguir reivindicando a devolución da illa.
Actualmente as construcións que se levaron a cabo na illa por parte deste empresario forman un complexo turístico que se oferta no estranxeiro en páxinas de aloxamentos de luxo, publicitada como “A Creba private Island”, con cinco suites, piscina e, supostamente, polo prezo de 1500 euros por día, nun claro caso de especulación privada a conta do público, que permite que se enriquezan grandes empresarios mentres o pobo siga calado e resignado.
Á vista de que as administracións públicas e os políticos que nos gobernan, seguen sen dar solución a esta inxustiza, as persoas e colectivos, abaixo asinantes, constitúense en PLATAFORMA co obxectivo principal de:

  • REIVINDICAR A DEVOLUCIÓN DA ILLA DA CREBA PARA O POBO e cos seguintes obxectivos específicos:
    - 1. Divulgar a historia da usurpación da illa da Creba, para que se saiban cales son os pasos que se deron para roubarlle ó concello de Muros, e principalmente, á veciñanza de Esteiro, un terreo de uso público para o enriquecemento dun empresario particular.
    - 2. Apoiar tódalas accións legais que sexan precisas, para recuperar a illa da Creba para o uso e desfrute público.
    - 3. Poñer en marcha tódalas iniciativas sociais que se consideren necesarias, para visibilizar a nosa reivindicación de devolución da illa ó pobo.
    - 4. Instar ó pleno do concello de Muros a que poña en marcha tódalas medidas ó seu dispor para conseguir a devolución a illa.
    - 5. Levar as nosas reivindicacións ós estamentos públicos que sexan necesarios para conseguir o noso primeiro obxectivo.

     

Comentarios