A Xunta aproba a expropiación de terreos para as obras da AC-550 en Muros


A mediados de xaneiro, un desprendemento de terras polas intensas chuvias pechou a AC-550 en Muros. As obras comezaron polo procedemento de emerxencia, e durante a súa execución observouse que é preciso actuar en zonas que non son de dominio público, o que fai necesario expropiar varios terreos para garantir a estabilidade dos 1.500 metros de noiro. .
Así, o Consello da Xunta, na súa reunión da pasada mañá de xoves 20 de febreiro, aprobou o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras de estabilización dun noiro na estrada AC-550 ao seu paso por Muros.
Indica a Xunta que a urxencia débese a que “o noiro presenta zonas con buzamentos desfavorables, fracturación e topografía variable que, xunto coas fortes choivas que se están a producir, provocou a presenza ao longo deste quilómetro e medio varias zonas de inestabilidade, con cuñas e/ou bolos con risco de rotura e desprendemento”.
Datos das obras

A Consellería de Medio Ambiente, que destina un orzamento total de peto de 400.000 euros para as obras de limpeza e estabilización do noiro entre os puntos quilométricos 38+000 e 39+500.
Para a execución destes traballos será necesario un período aproximado dun mes e medio, durante os que estará habilitado un desvío de tráfico por un treito da estrada antiga.
Estas obras de emerxencia comezaron pola zona máis sensible, onde se produciu o desprendemento, no quilómetro 38, e consisten no despexe e roza da cabeza do noiro; desmonte e retaluzado dos 2-3 metros superiores, saneo e retirada de bloques soltos, para a continuación realizar a drenaxe e bulado do noiro. Durante o desenvolvemento das obras realizarase un seguimento xeotécnico completo.
Os traballos na zona 1 avanzan a bo ritmo a pesar da dura situación meteorolóxica que obrigou a parar o bulonado en varias ocasións a causa do excesivo vento. O saneo, escavación e retaluzado do noiro xa remataron e está pendente a corta de árbores, así como os labores de bulonado e colocación de malla. A previsións son que esta zona estea completamente restituída ao tráfico a primeira semana de marzo.
Ao longo desta mesma semana tamén se iniciaron os traballos na denominada zona 2, o ámbito do faro, do pk 39 +080 a 39 +320, que tamén é necesario afectar o tráfico, dando sentido único alternativo regulado mediante semáforos.
Unha vez que comece o saneo do noiro, á vista do comportamento deste, ese mesmo día determinarase se é posible que os cortes de tráfico se produzan unicamente durante a xornada laboral. Posteriormente, unha vez rematada por completo a obra de estabilización do noiro levarase a cabo a fresadura e reposición do firme de toda a zona afectada polas obras.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa da Xunta.